Frangosa Servizos, auxiliar de Forestal do Atlántico, despediu de xeito improcedente a un traballador con problemas de saúde que o limitan para o desempeño de determinados postos da empresa. Aínda que o operario vén padecendo estes problemas dende hai anos, o posto de traballo no que realizaba a súa actividade laboral permitíalle desenvolver a mesma sen ningún tipo de impedimento.
Non obstante, a empresa decidiu recentemente incorporalo nun novo posto para o que a súa doenza si lle supón algunhas dificultades. Porén, denuncian dende a Federación de Químicas de Ferrol, Frangosa Servizos optou polo despedimento improcedente “no canto da recolocación noutro posto de traballo como así o esixe a lei de Prevención de Risco Laborais, no que se refire a traballadores e traballadoras especialmente sensíbeis”.
Dende a CIG-Químicas e Enerxía xa advertiron que continuarán adiante coas mobilizacións até que a empresa mude a súa actitude e readmita ao traballador.