Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 27/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Galiza rematou o ano con 71.800 fogares con todos os seus membros no paro

Segundo a EPA, Pontevedra foi a provincia que máis emprego destruíu, mentres que Vigo rexistrou o 33% dos novos parados/as de todo o País no último trimestre de 2011
Os datos da EPA coñecidos este venres volven revelar o deterioro progresivo e imparábel do mercado laboral, así como a ineficacia das medidas impostas polos gobernos galego e español baseadas nas políticas de austeridade, a contención do gasto público e dos salarios. Galiza rematou o ano con 71.800 fogares con todos os seus membros no paro, case 10.000 vivendas máis afectadas que no mesmo período do ano anterior. Dramáticos resultan tamén os datos da cidade de Vigo que, no cuarto trimestre de 2011, sumou o 33% do total dos/as 10.600 novos desempregados/as de todo o País.

A poboación ocupada do cuarto trimestre no noso País, segundo os datos da EPA, descendeu un 1.3%, mentres que a caída a respecto do mesmo período do ano anterior foi do 1.8%. O 2011 rematou con 1.072.900 ocupados, o que significa que no último ano se perderon 20.200 postos de traballo, dos que 14.100 empregos foron destruídos no último trimestre. Así, a EPA sitúa en 240.400 o número de persoas desempregadas en Galiza, un 18.1% máis de parados/as con respecto do mesmo período do ano anterior.

Cómpre subliñar que o número de desempregados/as incrementouse entre o colectivo de persoas que xa traballaran antes, mentres que o número de parados/as entre os/as que accederon ao seu primeiro emprego baixou un 8,25%, é dicir 1.600 persoas atoparon traballo no último trimestre do ano pasado. Esta situación, explica o Secretario Confederal de Emprego da CIG, Antonio López Rivera, deixa entrever o transvase do traballo estábel a outro en condicións precarias, con man de obra barata e subvencionada.

Para Rivera esta tendencia responde ás políticas defendidas dende Europa, e asimiladas polos gobernos español e galego, orientadas a precarizar o mercado laboral con contratos de escasa duración e en condicións precarias, que en ningún caso van á orixe do problema da destrución de emprego, e polo tanto “non axudan a crear postos de traballo”. 

A construción continúa a súa caída

Por sectores, no cuarto trimestre a construción foi onde baixou máis a ocupación (4,2%), seguido da industria (3,7%), mentres que no sector servizos incrementouse lixeiramente (0,3%). En termos anuais, o sector industrial rexistrou un reponte (cun 3,3% máis de ocupados/as) en contraste coa forte perda da construción, que destruíu no último ano case 15.000 empregos.

No último trimestre de 2011 contabilizáronse tamén 13.900 desempregados/as máis (6,1%), mentres que en comparación co mesmo período de 2010, o número de persoas sen traballo incrementouse até as 36.900. A este respecto, a taxa de paro entre as mulleres no cuarto trimestre ficou no 19,1% e entre os homes no 17,6%, porén en termos anuais o número de parados aumentou máis entre os homes que entre as mulleres: un 2,6% fronte ao 1,1%.

Neste sentido, por sexos, o número de parados incrementouse máis entre os homes que entre as mulleres; e de feito, dos 13.900 novos desempregados/as, 8.100 foron homes. “Estanse igualando as taxas de paro masculino e feminino, pero non a causa de baixar o feminino, senón pola suba espectacular do desemprego entre os homes”, matiza Rivera.

A nivel provincial, Pontevedra foi con diferenza o territorio máis afectado. De feito, o 76% dos novos parados/as xeráronse nesta provincia, que aumentou o número de desempregados/as en 10.600 persoas (11,3%) no cuarto trimestre do ano. Mención especial merece o caso da cidade de Vigo que rexistrou o 33% dos novos parados/as de toda Galiza neste período.

Políticas erradas

Pontevedra tamén é a provincia co maior número de fogares con todos os membros no paro. Segundo os datos a EPA en Galiza hai 71.800 vivendas nesta situación, case 10.000 fogares máis que no último trimestre do ano 2010. Destes novos fogares que quedaron nesta situación, 8.200 atópanse na provincia de Pontevedra.

López Rivera acusa directamente ás políticas “erradas do goberno español e da Xunta” desta situación dramática, pois “as medidas de austeridade e control do déficit nunca van xerar emprego, pero pola contra axudan a destruílo”.

cig.prensa@galizacig.com