Segundo denunciaron as delegadas da CIG, as traballadoras e os traballadores de Sargadelos amosaron nas últimas asembleas celebradas na fábrica un “total e absoluto malestar” coa dirección da empresa diante dos reiterados incumprimentos dos acordos asinados durante a negociación do expediente de regulación de emprego.
Ditos acordos contemplaban que a aceptación do ERE por parte dos traballadores/as evitaría calquera despedimento na empresa, así como que o persoal aceptaba a suspensión do servizo de comedor durante o tempo de vixencia (seis meses), baixo a condición de que este se retornaría nas mesma situación anterior.
Non obstante, o pasado 13 de outubro, e co ERE en plena vixencia, a empresa comunica o despedimento ao cociñeiro da fábrica, vulnerando así o recollido nos acordos. Ao mesmo tempo a dirección decide, de forma unilateral, suprimir o servizo do comedor antes da finalización do ERE actual, externalizando o servizo ao contratar unha empresa de catering.
“O restabelecemento do servizo xa non se levará a termo nas mesmas condicións que se estaban a prestar antes do ERE, pois co cociñeiro despedido e supostamente amortizado o seu posto de traballo, a dirección substitúe o servizo contratando unha empresa de catering”, sinalan as delegadas da CIG nun comunicado.
Nova regulación
As decisión da empresa coinciden co remate hai uns días do ERE e o anuncio por parte da empresa das súas intencións de levar adiante outra nova regulación. Neste senso, as delegadas sinalan que “os traballadores e traballadoras de Sargadelos non podemos estar de acordo cunha dirección que non está a respectar os acordos aos que se chegou co seu persoal e/ou representantes, e que, para asombro de todos/as, xa se atreve a non respectar o acordado por escrito e asinado. Mal precedente para negociar outro ERE”.