Un total de 31.442 profesores de ensino público non universitario están chamados a participar no proceso de eleccións sindicais que se celebrarán o 2 de decembro para elixir a 146 delegados e delegadas dos que 47 corresponden á Coruña, 29 a Lugo, 27 a Ourense e 43 a Pontevedra.
Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino e profesor do CPI Camiño de Santiago (O Pino) encabeza a candidatura da Coruña; Marta Dacosta, profesora do IES de Tomiño e membro da executiva da CIG-Ensino, encabeza a de Pontevedra; Consuelo Campos, profesora do IES As Lagoas (Ourense) e membro do Consello Escolar de Galiza, encabeza a de Ourense e Antón Castro Rodríguez, profesor do CEIP Laverde Ruíz (Outeiro de Rei) e presidente da Xunta de Persoal de Lugo, encabeza a de Lugo.
A CIG-Ensino concorre a este proceso como organización sindical maioritaria, cunha representación do 40%, entre seis organizacións sindicais. Representación que obtivo nas últimas eleccións sindicais, nas que duplicou os votos da seguinte organización, con 53 delegados e delegadas, dun total de 136 (19 na Coruña e Pontevedra, 8 en Lugo e 7 en Ourense) e preside as Xuntas de Persoal das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Para as eleccións sindicais no ensino público tómase como circunscrición a provincia, a diferenza do privado, onde se considera unidade electoral cada centro educativo. Por iso Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino incidiu na necesidade de que as eleccións sindicais se celebren por centros de traballo e non por circunscricións provincias, de xeito que sexan “máis democráticas, participativas e representativas”, matizando que “de aplicarse o mesmo criterio que se aplica no ensino privado, elixiríamos máis de 1586 delegados de persoal, fronte aos 136 delegados /as elixidos hai catro anos, por ser a nosa unidade electoral a provincia”.
O conxunto do ensino público representado
Para configurar as candidaturas a CIG-Ensino tivo en conta que estivera representado o profesorado de todos os niveis e etapas educativas, modalidades de ensino, situacións administrativas e de tantos centros educativos como permite o tamaño da papeleta, resaltando a paridade de xénero nas listas das catro provincias. Por iso, aínda que só se elixirán 146 delegados/as, preséntanse 671 candidatos e candidatas dos que Louzao salientou a súa actividade sindical, prestixio profesional, defensa do ensino público, compromiso coa normalización e coa renovación e innovación educativa.
Eixos do programa
Anxo Louzao presentou ademais as liñas básicas do programa da CIG-Ensino, que pasan pola consecución dun Estatuto Galego para o Profesorado que dea resposta ás demandas das e dos docentes e ás necesidades do sistema educativo; a redución de alumnos por aula; aplicación dos cadros de persoal; unha nova planificación do Sistema Educativo no eido rural; a mellora das condicións laborais do profesorado: recoñecemento das enfermidades profesionais, un máximo de 18 horas lectivas, o dereito indefinido á xubilación anticipada e a mellora das condicións de acceso e das nosas retribucións; un acordo de estabilidade do profesorado interino e medidas para mellorar a calidade do ensino como: dotación de administrativos/as nos centros, dotación de comedores escolares en todos os centros, restablecemento da xornada reducida, modificación da lexislación para facilitar a xornada única, etc.
Incrementar a representación
A CIG-Ensino márcase como obxectivo incrementar e mellorar os actuais resultados, agardando que o profesorado avalíe positivamente o traballo sindical desenvolvido nestes catro anos. Traballo que estivo guiado pola defensa inequívoca do ensino público galego e a reivindicación constante do noso idioma, e por “un modelo sindical participativo, sen ningún tipo de dependencias externas e co centro de decisión en Galiza”.
Balance deste período
O secretario nacional de CIG-Ensino presentou ademais un balance da actividade sindical desenvolvida pola CIG nestes catro anos que cualificou como “francamente positivo, porque fomos o punto de referencia en todos os conflitos que afectan ao ensino; condicionamos, na medida do posíbel, a política educativa e demos resposta e alternativa a todos os proxectos e leis educativas, nomeadamente á LOE”.
Louzao lembrou tamén as mobilizacións protagonizadas pola CIG-Ensino en reivindicación do restabelecemento da xornada reducida de xuño a setembro nos centros de Infantil e Primaria, pese á desconvocatoria e boicot do resto das organizacións sindicais; a loita por un bacharelato máis compensado, laico e de calidade e por un currículo da ESO máis equilibrado, o que comportou maior carga lectiva para algunhas materias.
Anxo Louzao fixo especial fincapé no papel da central sindical no combate á política lingüística do PP, con numerosas accións e mobilizacións masivas, entre as que salientou a “exitosa” folga de 21 de xaneiro e diferentes accións e mobilizacións que, desde a CIG e a plataforma Queremos Galego “realizamos en resposta ás agresións á lingua galega que a Consellaría lle está infrinxindo”.
O secretario nacional de CIG-Ensino gabouse, ademais, de ter conseguido un acordo retributivo que supuxo deixar de ser o profesorado peor pagado do Estado, tras conseguir a maior suba lineal que houbo en Galiza; de ter facilitado a ampliación e mellora da xubilación anticipada; de ter mellorado as condicións de traballo do profesorado itinerante; de acadar o recoñecemento a efectos económicos e administrativos das coordinacións dos equipos de normalización e de conseguir o cobro da antigüidade (trienios) para o profesorado interino e substituto, entre outros.