Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 27/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo demanda entrevistarse co conselleiro de Medio Ambiente e con catro alcaldes

Prosegue a desfeita medioambiental na ría
Representantes da Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo rexistraron o 27 de novembro un escrito no Edificio Administrativo de Monelos no que demandan entrevistarse co conselleiro de Medio Ambiente e cos alcaldes dos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros.

Contido dos escritos rexistrados:

No mes de setembro do presente ano, desde a Consellaría de Medio Ambiente, a través de Augas de Galicia, envióusenos resposta ás 17.000 sinaturas recollidas na nosa comarca, na que se recoñecen vertidos fundamentalmente de orixe urbana.

Informóusenos que están localizados en diferentes puntos, con procedencia dos concellos da Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros, e que realizou unha campaña de detección de contaminación microbiolóxica a fin de detectar os focos que presentaban maior nivel destes contaminantes, directamente relacionados cos vertidos de augas residuais fecais.

Neste mesmo escrito, fálase de traballos conxuntos dos catro concellos con esta Consellaría e infórmasenos da realización por esta de actuacións complementarias.

A día de hoxe, máis alá da propaganda que fan as diferentes administracións afectadas, non comprobamos mellora algunha da Ría, máis ben unha agravación da situación, como o propio delegado provincial da Consellaría recoñeceu recentemente.

Descoñecemos se hai algún soporte orzamentario real nos novos Presupostos desta Consellaría para o ano 2009 que contemplen as actuacións precisas para erradicar os vertidos a nosa Ría.

Ademais, descoñecemos se esta Consellaría e os concellos da Ría emprenderán algunha actuación neste sentido, coa partida orzamentaria dun millón de euros incorporada aos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2009 polo BNG na negociación co Goberno español.

Tamén descoñecemos se os Orzamentos municipais contemplan algunha actuación real na mellora e finalización da rede de saneamento que elimine vertidos á Ría.

Polo exposto,

Solicitamos que se proceda a convocar de forma urxente unha reunión cunha representación desta Plataforma cidadá, que conte tamén coa presenza dos alcaldes dos catro concellos. Nesta reunión demandamos coñecer de primeira man as actuacións, prazos de execución, etc, das medidas necesarias para ver a fin dos vertidos á nosa Ría, así como das actuacións previstas para a súa recuperación e rexeneración.

Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo

plataformadefensariaburgo@gmail.com

Novas relacionadas

 

cig.prensa@galizacig.com