Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 27/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Tránsito Fernández, secretaria comarcal CIG Servizos de Vigo.
O piquete saía do Centro Comercial A Laxe.
A presenza de antidisturbios continuou a ser abafante durante toda a xornada.
Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo.

Desconvocada despois de 12 xornadas a folga do convenio provincial de Pontevedra da limpeza de edificios e locais

As asembleas decidiron nunha maioría axustada aceitar o pre-acordo
Logo de 12 días de paro indefinido, a folga do convenio provincial de limpeza de edificios e locais de Pontevedra quedou desconvocada. Centrais sindicais e patronal chegaron a un pre-acordo que foi ratificado polas asembleas de traballadores. A proposta aceptada contempla a sinatura dun convenio colectivo para os vindeiros tres anos e inclúe un incremento salarial de 30 euros o primeiro ano e 40 euros para cada un dos outros dous. Ademais, estabelécese unha cuarta paga de 60 euros. A antigüidade pasa a computarse por cuadrienios, no canto de trienios.
Asemblea na Praza do Concello.

Doutra banda, acordaron que os pluses se incrementen co IPC real e que o plus de nocturnidade compute para o salario base no caso de baixa por accidente ou enfermidade. Xunto destas medidas, tamén se aprobou o estabelecemento dun día máis de libre disposición e de 22 días de lactancia.

Apoio non unánime

Malia non acadar a totalidade das súas reivindicacións, as asembleas decidiron por maioría aceptar a proposta da patronal. Con todo, o apoio non foi unánime, senón que as votacións depararon unha vitoria axustada dos que defendían a volta ao traballo. Vigo foi, neste senso, determinante, xa que a maioría das traballadoras apoiaban a proposta. Non aconteceu o mesmo en Pontevedra nin en Vilagarcía, onde a proposta foi rexeitada.

Asemblea provincial de afiliadas/os da CIG

Desde a Federación de Servizos da CIG anunciaron que o luns 1 de decembro terán lugar dúas asembleas provinciais de afiliadas e afiliados da CIG do sector, ás once da mañá e ás cinco da tarde, para avaliar e analizar este conflito e a negociación do convenio provincial no seu conxunto. 

Entrevista con Tránsito Fernández

A continuación, anexamos unha entrevista con Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG Servizos de Vigo, na que avalia esta folga e o pre-acordo, entre outras cuestións.

- Que avaliación realizas do pre-acordo?

- Como CIG creo que o acordo non é bo, porque quedaron moitas cousas no camiño. Realmente, as veces as situacións e conflitos sindicais sabemos que poden traer estas consecuencias e sobre todo cando non hai apoio por parte dos demais compañeiros. Neste caso non houbo apoio de todas as persoas que traballan na limpeza e iso vese nas que están todo o día na rúa e as que non están. Estabamos tendo unha media de algo menos de 300 persoas diarias en Vigo, que pola tarde baixaba considerabelmente. Despois de 12 días de folga e cunha oferta como temos, que aínda que sería boa ou asumíbel sen todos estes días de folga, hai que ser responsábeis. Se a xente por maioría vota que quere o pre-acordo eu creo que como central sindical se os afiliados están pedindo que asinemos o preacordo para saír desta situación e prepararnos nestes próximos dous anos para o seguinte convenio, pois temos que facelo.

Non considero que fora un fracaso, porque o conflito tivo un importante seguimento e moita atención mediática, visibilizamos a situación de precariedade das traballadoras da limpeza, e iso é moi importante. Gañámoslles á patronal por exemplo o carácter acumulativo, que non quería dar, e está poñendo un incremento de carácter lineal e acumulativo, no plus dos tóxicos, de nocturnidade e na antigüidade.

Papel da patronal

- Que papel xogou a patronal neste conflito?

- A patronal foron uns auténticos mafiosos e gánsgteres, que actuaron malevolamente todo o tempo. Cuestionaron á CIG como sindicato, mesmo a súa participación na mesa de negociación, e nunca até o de agora se fixo o que fixeron eles, que foi o de impugnar un laudo arbitral do AGA. Como central sindical creo que teriamos que tomar medidas respecto ao que está acontecer coa Confederación de Empresarios, con todo o que calumniou Alvariño, como nos acusou de vandalismo e como nos vai denunciar. Habería que dar un toque de atención.

- A central sindical nacionalista á que representas, que peso tivo neste conflito?

- A CIG xogou o mellor papel de todos, porque fomos nós os que lideramos o conflito, e era a xente a nosa a que se miraba en todos os sitios, tanto da afiliación como da estrutura da federación. Aqui si se fixeron tantos días de folga e loita foi pola xente da CIG. Tamén dicir que é moi importante o da caixa da resistencia, e cada dia nos temos que dar conta da súa importancia.

Acoso policial

- Que valoración realizas da abafante presenza policial nas mobilizacións ao longo dos doce días de folga en Vigo?

- O acoso policial ven derivado por moitas cuestións, e unha delas é que as ordes da Policia viñan de Presidencia, da Xunta de Galiza, asi como da Delegación do Goberno. O control policial foi desmesurado. Hoxe mesmo chegamos aqui ás oito da mañá e chegaron tres antidisturbios a preguntar, e pedimos que se marcharan porque senón iamos ter un conflito para manter a nosa asemblea, porque viñan de novo a provocar. A limpeza é un sector feminizado e iso nótase, porque non é o mesmo un conflito onde hai unha maioria de homes que este. A policia cando hai mulleres abusan máis. O cordón policial foi excesivo para o que é o sector e para a xente que andabamos na rúa.

O mellor: "a firmeza das mulleres"

 

- Que destacarías en positivo destes días de folga?

- O que destacaría moi en positivo foi a forza que mantivemos para aturar estes doce días, sobre todo polas características do sector: xente con contratos parciais, que teñen medias xornadas; as compañeiras limpadoras teñen cargas familiares na súa maioría e estiveron aqui dándoo todo e iso é o mellor que se pode valorar deste conflito.

cig.prensa@galizacig.com