Na comarca de A Coruña, os piquetes dirixíronse dende as cinco da madrugada até o almacén de Gadisa no Polígono de Piadela, en Betanzos, onde se atoparon cunha forte dotación da Garda Civil e dos seus corpos especiais. Non obstante, o éxito nas primeiras horas da folga foi tal que dun cadro de persoal de 300 persoas tan só acudiron a traballar cinco na quenda de noite e unhas dez na da tarde.
Roberto Pérez, responsábel de comercio na CIG-Servizos de A Coruña explicaba que a distribución parou ao 100% e nas tendas o seguimento foi moi amplo, coa excepción de Gadis, debido a grande represión que exerce sobre os traballadores/as. Aínda, así, Pérez considerou a resposta dada nesta xornada un grande avance para os/as traballadores/as do sector.
A este respecto, cabe destacar que un grupo de supervisores e xefes de distintas áreas tanto de almacén como de supermercados do Gadis estiveron perseguindo e controlando aos folguistas durante parte da mañá. Finalmente as presións dos traballadores e traballadoras obrigáronos a agochar a súa presenza no interior dunha cafetaría.
Neste senso, Roberto Pérez, criticou a política de relacións laborais practicadas pola familia Tojeiro, que non dubidou en utilizar a prensa, especialmente La Voz de Galicia, “para dicir mentiras e atacar a competencia. Trátase dun empresario chorón, vitimista, que esgrime a demagoxia dun falso galeguismo para espremer máis aos traballadores e traballadoras galegos. Non é verdade que Grupo Gadis, nin este sector, estea por riba dos convenios de empresa, non é verdade que queira negociar convenios aquí, porque se nega a negociar un convenio galego, tal e como está recollido no articulado dos actuais convenios de A Coruña e Pontevedra. O único que quere é explotar máis aos traballadores/as”.
Seguimento do 90% en Ferrol
En Ferrol a xornada de folga comezou no almacén de distribución de Lidl no polígono industrial de Río do Pozo, en Narón. Por volta das cinco e cuarto da madrugada comezaban a chegar os piquetes, que tamén se atoparon cun importante dispositivo policial despregado no lugar. Alí o éxito da folga foi completo ao pecharen as instalacións e tan só acudir ao posto de traballo algúns directivos.
A primeira hora da mañá os folguistas trasladáronse até a cidade de Ferrol, na zona do Inferniño, e de alía foron pechando as tendas ao seu paso. Dende a CIG-Servizos de Ferrol estiman que o seguimento da folga na comarca acadou o 90%.
A folga foi secundada masivamente en Compostela
Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela avalía moi positivamente o seguimento da folga na comarca, onde todos os estebelecementos permaneceron pechados.
Alonso salienta que unicamente se produciron problemas no Lidl de A Rocha, onde intentaron manter aberto o estabelecemento substituíndo ás caixeiras por delegados de zona e supervisores, que se puxeron a cobrar, cando non tiñan nin uniformes e non entra nas súas funcións. Ante isto, houbo de ser requirida a presenza da policía para que os identificara e tramitouse a pertinente denuncia perante a Inspección de Traballo por vulneración dun dereito fundamental, como é o dereito de folga. Porén, unha vez solucionado este incidente, o supermercado pechou as súas portas porque a resposta dos traballadores e traballadoras, segundo sinala Alonso “foi masiva, polo que podemos considerar que na comarca de Santiago, a folga, foi un éxito rotundo”.
Forte presencia policial na provincia de Pontevedra
Na provincia de Pontevedra a folga tamén tivo un amplo seguimento, acadando un 90%, coas tendas de Pontevedra, O Porriño e Ponteareas pechadas e a maioría das de Vigo, agás, como nas demais zonas, no caso dos estabelecementos de Gadis. Os folguistas iniciaron as accións reivindicativas en Poio, no almacén de distribución de Froiz, impedindo a entrada de camións e a saída de mercadorías. Dende aí, unha parte dos piquetes trasladouse até Vigo para unirse co resto dos folguistas da cidade, mentres que outro grupo de persoas marcharon para a cidade Pontevedra, onde se rexistrou un amplo seguimento do paro.
En Vigo, segundo relataba a secretaria comarcal da CIG-Servizos, Tránsito Fernández, a presenza policial foi abrumadora durante toda a xornada, seguindo ao piquete, formado por unhas 500 persoas, en todo o seu percorrido. E mesmo dándose o caso de piquetes pequenos de tres persoas que ían “acompañados” por dez policías. A pesar das dificultades e presións a convocatoria foi todo un éxito e logrouse o peche de practicamente todos os estabelecementos afectados. Fernández tamén denunciou a actitude “chulesca” amosada por moitos dos encargados/as dos supermercados Gadis, que en todo momento tentaron boicotear o éxito da folga.
Nova xornada de folga
Logo do éxito dos paros deste venres e se a patronal continúa sen avanzar na negociación, os traballadores e as traballadoras do sector están chamados a secundar unha nova xornada de folga o vindeiro día 9 de decembro. A partir desta data o paro terá carácter indefinido.
Galería Gráfica
Podes ver máis imaxes da xornada de folga pinchando aquí ou visitando a sección multimedia da nosa web.