Desde o Comité de Empresa, no que teñen representación CIG, CCOO e UGT, sinalan que non falta traballo e que os resultados da empresa son moi positivos, polo que non entenden estes despedimentos, que vencellan á negociación do convenio propio durante a folga do Metal, que finalmente só quedou na sinatura dun acordo económico para os próximos tres anos, xa que a empresa non acepta incluír a cláusula de descolgue, para se na próxima negociación do convenio propio non houbera acordo pois esta empresa puidera volver incorporarse ao convenio provincial do Metal.
Das sete persoas despedidas nesta empresa de mecanizados hai algunha que conta máis de 16 anos de antigüidade, e desde a representación sindical sospeitan que poda haber máis despedimentos.
En todo momento estes traballadores/as tentaron mediar coa empresa, con reunións coa arbitraxe da Inspección de Traballo, mais na segunda reunión que tivo lugar esta semana acudiu un avogado en representación da empresa que afirmou non recoñecer como interlocutor valido ao Comité, e dixo que só negociaría individualmente con cada despedido. O Comité reclama a readmisión ou que se recoñeza a improcedencia do despedimento, abonando 45 dias de indemnización por ano traballado.
Ademais solicitaron unha reunión á dirección da empresa, é dicir, que viñeran o responsábel francés de Rodycut Montenegro para que explicara as razóns destas decisións da dirección. Desde o Comité reclaman así a presenza do dono real da empresa porque “cremos que se nos está a enganar”.
Así, decidiron convocar folga o luns 30 de novembro e o xoves 3 de decembro de dúas horas en cada quenda. Nestas dúas horas permanecerán concentrados ás portas da súa fábrica en Mos. Os paros serán de 12 a 14, de 14 a 16 e de 22 a 00 o luns e xoves.