Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 27/4/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

As grandes superficies recorren ao argumento do emprego para conseguir a liberalización total dos horarios comerciais

CIG-Servizos lembra que o convenio de grandes almacéns permite cambiar os horarios do persoal para atender o traballo en domingo
A CIG-Servizos vén de desmentir as afirmacións emitidas pola Asociación Nacional de Grandes Empresa de Distribución (Anged), nas que asegura que a decisión da Xunta de non permitir a apertura dos comercios máis domingos e festivos suporá deixar de crear 500 empregos. A Federación lembra que o propio convenio de grandes almacéns permite mudar os horarios dos traballadores/as para adaptalos ás aperturas en domingo, polo que resulta bastante incríbel que un xigante da distribución fose incrementar o seu cadro de persoal por dous días de traballo a maiores. As grandes superficies pretenden utilizar o argumento do emprego para acometer un novo atropelo contra os dereitos da clase traballadora e conseguir a liberalización total dos horarios comerciais.

As grandes superficies pretenden utilizar o argumento do emprego (argumento especialmente sensíbel nun momento como o actual) para incrementar as súas marxes de beneficios. O convenio de  grandes almacéns permite non ter que contratar persoal a maiores para abrir en domingos e festivos, xa que habilita as empresas para cambiar os horarios dos traballadores e traballadoras e adaptalos ás súas necesidades.

Neste senso, o Secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, lembra que El Corte Inglés xa tiña realizados os cambios de horarios (en Compostela) para atender o traballo en domingo sen ter que contratar a ningún traballador/a; mentres que en Comercio vario e Comercio e Alimentación non se permiten estas permutacións.

“É mentira que as grandes superficies foran contratar a unhas 500 persoas de legalizarse a apertura en domingos”, afirma Rubido, quen acusou ás grandes cadeas de distribución de recorrer á escusa do emprego para conseguir a liberalización total dos horarios comerciais. “Non ten sentido a afirmación da patronal porque o número de domingos que se incrementaría sería un máximo de catro e quen se cre que vaian contratar a 500 persoas para catro domingos?”, pregúntase.

Así mesmo, a Federación de Servizos subliña que, en todo caso, sería o pequeno comercio o que tería que contratar novo persoal para cubrir unha ampliación dos horarios. Non obstante, o pequeno comercio xa se amosou contrario a esta medida por considerar que non sería rendíbel e que tan só beneficia ás grandes empresas do sector.

O obxectivo das grandes distribuidoras, explican, é a liberalización total das aperturas comerciais e advirten de que volverán a intentalo seguro, agora que teñen un goberno amigo das súas ansias “liberalizadoras”. Lembran que no centro de Madrid, a política neoliberal xa impuxo que se abran todos os domingos, por iso, alertan de que “teremos que continuar atentos”. 

cig.prensa@galizacig.com