Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 27/4/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Xulgado do Contencioso de Compostela autoriza á CIG a pasar megafonía anunciando a convocatoria do 1º de Maio

Suspéndese a denegación do permiso da concellaría de Seguridade Cidadá e contra a resolución non cabe recurso algún
O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Santiago de Compostela vén de acordar autorizar a “publicidade megafónica” prevista para a manifestación convocada para o vindeiro Primeiro de Maio, os días 27, 28 e 29 de abril, cos requisitos previstos na ordenanza de Santiago, fóra do perímetro histórico e sen que a actividade exceda as dúas horas diarias en cada un deses días. A xustiza suspende así a denegación do permiso que o concello de Santiago comunicara á central sindical a través da concelleira de Seguridade Cidadá, a socialista Marta Álvarez Santullano.

A disposición inclúe o acordo para a celebración dunha comparecencia, na sede  do xulgado o vindeiro 2 de maio, ás 11:30 horas, á que están citadas ambas as partes.

 O concello de Compostela, a través da concelleira de Seguridade Cidadá, a socialista Marta Álvarez Santullano, denegou á Confederación Intersindical Galega, por terceira vez consecutiva, o permiso para pasar megafonía, desta volta para anunciar a convocatoria da manifestación do Primeiro de Maio. A central sindical presentou hoxe unha denuncia por vulneración de dereitos fundamentais da que este auto é a resposta.

Nos dous casos anteriores, a central sindical tamén presentara a preceptiva denuncia contra a decisión de negar o permiso a pasar megafonía e en ambos os dous casos a xustiza dera a razón á CIG, suspendendo a denegación do permiso.

A CIG considera que con esta actitude reincidente, a concelleira de Seguridade Cidadá amosa a febleza dos seus principios democráticos e a súa falta de respecto pola normativa municipal, que prevé a posibilidade de permitir o anuncio de actividades de carácter social, en horario diúrno, sen exixir máis requisitos que solicitala.

Na megafonía a CIG anuncia que a manifestación convocada para o Primeiro de Maio, sairá da Praza Roxa ás 12:30 horas, baixo o lema “Polo emprego, non ás reformas do capital”.

cig.prensa@galizacig.com