Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 27/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG denuncia que os orzamentos xerais do Estado non tratan de corrixir, nin sequera paliar, a grave situación económica

Considera que o proxecto presentado polo PP non aposta nin por dinamizar a actividade económica, nin por fomentar o emprego
Inmersos nunha situación de crise, da cal non se perciben signos de recuperación, topamos cuns Orzamentos Xerais do Estado (OXE-2012) novamente restritivos, que van contribuír a afondar aínda máis na dita crise, e que dificultan, a longo prazo, o futuro económico deste país. Non apostan polo investimento de capital (que se reduce en máis dun 26%) como motor da economía, imprescindíbel cando a iniciativa privada está contraéndose, día a día, debido á falla de fondos e á incerteza. De feito, prevén que a actividade económica descenda un 1,7% ao longo deste ano, tal e como se recolle na análise realizada pola responsábel do departamento de Economía da CIG, Natividade López Gromaz.

Redúcense fortemente os fondos destinados a fomento do emprego. Mesmo cando se prevé que aumente fortemente o número de persoas desempregadas durante 2012, nos OXE-2012 non se aposta pola creación de emprego.

Ao mesmo tempo, reducen a partida orzamentaria destinada ás persoas desempregadas en torno a un 5,5%, aínda cando estiman que o número de persoas paradas vai medrar en máis de 600.000. E a consecuente pregunta  é: van quedar millóns de traballadores/as na indixencia?

E así, a caída da demanda interna vai ser espectacular se a situación presente lle engadimos estes novos ingredientes.

Falando do futuro, educación e I+D, sofren recortes moi importantes. Que futuro nos agarda se non apostamos por un bo nivel formativo e uns produtos de calidade? Sen isto non podemos competir cos países asiáticos.

Durante este ano prevese, en principio, destinar 362.117,23 millóns de euros do erario público á economía segundo o proxecto de orzamentos. E hai que poñer de manifesto que só unha semana despois de presentados os OXE-2012, o Goberno anunciou un novo recorte, de 10.000 millóns de euros, que afectaría exclusivamente a educación e sanidade, e isto sen esquecer que está anunciada a presentación dunha lei de acompañamento destes, onde se poderían incluír novas medidas que alterarían novamente este proxecto. Por tanto, a estas alturas podemos esperar calquera cousa.

Temos, polo tanto, que analizar con moita cautela a dita previsión orzamentaria, xa que a súa credibilidade é dubidosa incluso antes de aprobalos; e isto por varias razóns:

En primeiro lugar, a redución dos 10.000 millóns de euros en educación e sanidade non sabemos como se vai concretar. Se consiste nunha esixencia ás comunidades autónomas é imposíbel que isto se aplique xa que, aínda que algunhas estivesen dispostas, outras non, polo que sería inviábel totalmente. De aí que pareza máis razoábel que se reduzan as transferencias correntes do Estado ás Comunidades por esta cantidade. Se isto é así, o proxecto de orzamentos tal e como o coñecemos sería modificado, xa que unha redución do gasto desta cantidade sen tocar os ingresos, mudaría tamén as necesidades de financiamento, os gastos derivados deste, etc.

O anuncio desta medida vén acompañado doutra serie de “mensaxes” totalmente populistas (como cobrar a sanidade e a educación aos contribuíntes de  maiores ingresos), que no fondo o único que pretenden é acabar co estado de benestar tal e como o coñecemos hoxe. Este tipo de medidas a medio prazo converten os servizos públicos en servizos de beneficencia para as clases máis desfavorecidas, mentres as clases con máis recursos crean o seu propio sistema (na educación xa está pasando), co agravante de que pretenden que as achegas ao sistema privado desgrave fiscalmente, desmarcándose cada vez máis do público.

Non debemos esquecer que isto xa pasa cos fondos de pensións privados, e hai uns anos un estudo elaborado por profesores da Universidade de Salamanca concluíu que o que se deixa de ingresar polas desgravacións fiscais ás achegas aos fondos privados de pensións é equivalente ao gasto do Estado en pensións non contributivas. Un dato, en todo caso, nada desprezábel.

Ante este tipo de medidas, desde a CIG coidamos que o camiño ten que ser outro: apostar por un sistema tributario verdadeiramente progresivo, onde os que máis gañan sexan os que máis contribúen, evitando a fraude fiscal, e que logo os servizos sexan iguais para todos independentemente do nivel de ingresos. Pensamos que este é o único xeito de crear unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Ademais, unha sociedade máis igualitaria, con menos diferenzas sociais, é o mellor escenario para o crecemento económico. Así, non se debe esquecer que a etapa da historia de maior crecemento económico correspondeuse coa de menores diferenzas sociais tanto dentro dos países como entre estes.

O anuncio dunha Lei de Acompañamento ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2012 é outro dos factores que nos fan dubidar destes datos. Tradicionalmente, este tipo de leis serviron para incorporar unha variedade de cuestións (en moitos casos, froito de pactos con outros grupos parlamentarios para obter apoios) que modificaron substancialmente o proxecto inicial. Este ano non ten por que ser unha excepción. E isto, sen esquecer que a lei de acompañamento pode incluír (como ten ocorrido no pasado) a modificación dunha morea de leis sen o debate previo e a análise das consecuencias que poden mudar cuestión importantes da lexislación española.

Pero á marxe de todas as cuestións e dúbidas anteriores, no contexto político no que nos desenvolvemos, a política orzamentaria case é a única ferramenta coa que conta o Goberno do Estado para mudar as variábeis macroeconómicas e paliar os efectos devastadores que esta situación está xerando, especialmente, nas clases menos favorecidas. Ante isto, vémonos ante unha nova restrición de gasto, practicamente en todos os capítulos mais especialmente nos de capital, que serían, en principio, os grandes dinamizadores da economía.

A restrición orzamentaria vén, segundo o Goberno, marcada por un escenario macroeconómico de forte contracción. A previsión da evolución do Produto Interior Bruto é dun decrecemento do 1,7% para o ano 2012, despois de rematar 2011 cun incremento do 0,7%. Esta forte contracción da actividade económica vén determinada polo comportamento da demanda interna, a caída do consumo privado derivado do incremento do desemprego, da redución salarial... E temos que engadir este ano o incremento impositivo vía IRPF, que vai contraer aínda máis o consumo, así como a suba da luz, do combustíbel, etc., que van detraer moitos fondos privados do consumo.

Esta contracción da demanda tamén afecta ás importacións, cunha previsión de redución do 5,1% (o ano anterior a redución fora do 0,1%), polo que incluso nun marco de debilidade da demanda externa (prevese que as exportacións medren un 3,5% logo dun aumento do 9% no ano anterior); o sector exterior terá unha achega positiva ao PIB.

O emprego vai ser o gran prexudicado neste escenario. Así, prevese para este 2012 un 3,7% menos de postos de traballo, o que equivale a 631.100 menos, situando a taxa de paro media estatal no 24,3%, co que se superaría os 5,5 millóns de parados. Por suposto, a produtividade por ocupado/a medra, desta volta un 2%.

É inadmisíbel que se acepte de antemán un nivel de desemprego de tal magnitude, que non se tome ningunha medida, co fin de frear esta lacra social que está deixando a un cuarto da poboación (sen esquecer as persoas que dependen destes desempregados/as), nunha situación de total desamparo e sen esperanzas cara ao futuro. Cando analicemos a partida destinada a fomento do emprego e ás persoas desempregadas veremos canto de razón ten esta aseveración.

Comezando polos ingresos, para acadar estas cantidades, as novidades máis significativas están nos cambios introducidos no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), que consisten na aplicación dun gravame complementario durante os exercicios 2012 e 2013, cunhas porcentaxes que oscilan entre o 0,75% para as rendas máis baixas ata o 7% para as rendas superiores a 300.000 euros. Tamén se modifica o gravame aplicado ás rendas do aforro en porcentaxes que oscilan entre o 2% para rendementos ata 6.000 euros e o 6% a partir de 24.000 €. Con estas medidas estiman un medre da recadación do 4,7%

No imposto de sociedades non prevén modificación no tipo de gravame pero si na aplicación de deducións e cambios no sistema de cálculo de pagamentos fraccionados, polo que prevén incrementar a recadación nun 17,8%, a través deste imposto.

Tamén se prevén cambios no Imposto especial sobre Labores do Tabaco e na taxa sobre o Exercicio da Potestade xurisdicional.

Polo lado dos impostos indirectos, estímase unha redución derivada da caída do consumo.

Coa caída de emprego e da actividade empresarial que se espera para este ano é imposíbel dar credibilidade a esta evolución da recadación tributaria. Porén, aínda aceptando estes datos, os ingresos totais son inferiores ao ano anterior, e o dito recorte afecta practicamente a todos os gastos.

Para unha primeira visión comezamos polos gastos por capítulos.

Orzamento de gasto por capítulos. Datos en millóns de euros.

Capítulo

2011

2012

Variación

relativa

I. Gastos de persoal

32.919,24

33.151,53

0,7

II. Gastos en bens correntes e de servizos

8.011,19

7.610,23

-5,0

III. Gastos financeiros

27.461,28

28.913,88

5,3

IV. Transferencias correntes

208.362,90

214.118,51

2,8

TOTAL OPERACIÓNS CORRENTES

276.754,61

283.794,16

2,5

V. Fondo de continxencia

2.417,78

2.377,39

-3,8

VI. Investimentos reais

8.229,83

6.927,69

-15,8

VII.Transferencias de capital

9.69,05

5.876,36

-41,1

OPERACIÓNS DE CAPITAL

18.198,88

12.804,05

-26,6

T. GASTOS NON FINANCEIROS

297.425,27

298.975,60

0,5

VIII. Activos financeiros

18.566,25

12.850,25

-30,8

IX. Pasivos financeiros

46.796,53

50.289,17

7,5

TOTAL GASTOS FINANCEIROS

65.362,78

63.139,42

-3,4

Total orzamento

362.788,05

362.115,02

-0,2

Fonte: Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado español para 2012.

Os capítulos de gastos que máis medran son os derivados do endebedamento. Por un lado, os gastos financeiros (capítulo III), basicamente xuros derivados da débeda, cuxo capítulo aumenta un 5,3% e acada os 28.913 millóns de euros (cantidade similar aos gastos de persoal). E por outro, o capítulo IX (pasivos financeiros), cun aumento do 7,5%, que se corresponde cos máis de 50.000 millóns de euros que se destinan a amortizar débeda pública. Entre estes dous capítulos, absorben máis do 21% do total do orzamento.

O incremento do endebedamento neto estímase que alcance os 35.325,40 millóns de euros durante 2012.

Os gastos de persoal aumentan un 0,7%, e un 2,8% as transferencias correntes que logo examinaremos con máis detalle.

Os capítulos máis prexudicados polo recorte orzamentario son os de capital. Conxuntamente a redución é de preto do 30%, afectando máis ás transferencias de capital (41% menos) que aos investimentos reais, que descenden un 15,8%. Sexa investimento directo ou transferencias ás empresas para investir, o feito é que se prevé unha contracción drástica do investimento público, que desde o noso punto de vista vai redundar nun menoscabo da actividade económica, xa que coidamos que, nunha situación de contracción da actividade privada, correspóndelle á pública actuar de motor da economía.

Dentro do capítulo de transferencias correntes, que medra un 2,8%, inclúese gastos como os de educación, sanidade, pensións, desemprego, dependencia... Imos analizar algunha destas partidas polo implicación social que teñen; é o chamado gasto social.

Gasto social. Millóns de euros.

 

2011

2012

Variación

Pensións

112.215,76

115.825,93

3,2

Outras prestacións económicas

13.576,36

12.014,49

-11,5

Servizos e promoción social.

2.513,48

2.119,04

-15,7

Fomento do emprego

7.329,10

5.764,74

-21,3

Desemprego

30.474,06

28.805,05

-5,5

Acceso a vivenda

1.200,18

820.11

-31,7

Xestión e administración da seguridade social

7.770,59

2.901,12

-62,7

(1) PROTECCIÓN E PROMOCIÓN SOCIAL

175.079,53

168.250,49

-3,9

Sanidade

4.263,58

3.974,62

-6,8

Educación

2.843,43

2.220,19

-21,9

Cultura

1.103,99

937,40

-15,1

(29 PRODUCIÓN DE BENS PÚBLICOS DE CARÁCTER PREFERENTE.

8.211,00

7.132,22

-13,1

GASTO SOCIAL (1)+(2)

183.290,53

175.382,70

-4,3

Fonte: Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado español para 2012.

O gasto social en conxunto redúcese un 4,3%. A redución afecta a todas as partidas salvo o gasto en pensións, que medra un 3,2%. Este medre débese tanto ao incremento dun 1% na contía das pensións como ao medre do número de pensionistas, e tamén inclúe a desviación do IPC do ano anterior.

O gasto en pensións contributivas alcanza os 102.000 millóns de euros durante este ano, o que supón un incremento do 2,9% respecto ao anterior. Dentro deste programa, as pensións non contributivas son o segundo grupo en importancia, cun custo estimado de 2.022 millóns de euros, un 0,5% menos que durante 2011.

O grupo de servizos sociais e promoción social sofre un descenso do 15,7%. Dentro deste inclúense medidas tendentes a corrixir as desigualdades derivadas de carencias, xa sexan físicas, psíquicas ou sociais, integrándose os

servizos socias da terceira idade e minusválidos, inmigración, drogadicción e infancia e familia, así como igualdade de oportunidade, violencia de xénero... A súa importancia é evidente e a redución que se lle aplica tamén.

A fomento do emprego destínase un 21,3% menos que durante 2011. En vista deste datos é evidente que a creación de emprego non é unha das prioridades deste Goberno; nun momento como o actual cun 22% da poboación activa parada e aumentando, non destinar máis fondos a este programa senón todo o contrario, aplicar un recorte de tal magnitude non se explica. Ademais, como se dicía ao principio deste documento, tampouco hai unha aposta polo futuro, xa que os fondos destinados a educación e I+D descenden fortemente.

Tamén chama a atención o destinado a desemprego, a pesar de que a contía é importante, 28.805 millóns de euros, é un 5,5% inferior ao ano 2011, cando se prevé que aumente o número de parados en máis de 630.000 durante este ano. O descenso afecta a todo tipo de prestacións, máis as de nivel asistencial, (8,3%) que as contributivas (4,2%). Isto significa que vai quedar un número moi importante de traballadores sen ningún tipo de protección. Como se vai aplicar esta redución é unha incógnita; coidamos que na lei de acompañamento poidan introducir algunha modificación sobre a protección por desemprego, ben reducións das contías, acurtar prazos, etc., senón as contas non saen.

Se a isto lle engadimos que o programa de servizos sociais se vai reducir un 15,7% como vimos anteriormente, vemos que unha parte importante da poboación vai quedar na máis absoluta indixencia, xa que se van reducir os fondos dos programas destinados a paliar a pobreza, a marxinalidade...

O destinado a sanidade e educación redúcese, máis en educación, pero isto non é significativo, xa que están practicamente transferidos ás comunidades autónomas ambos os servizos, e é nos orzamentos das distintas comunidades onde hai que facer o seguimento. Para o caso de Galiza, a redución que prevía a Xunta nos seus orzamentos era dun 0,5% para cada unha destas partidas, mais queda sen saber como vai afectar agora o recorte anunciado de 10.000 millóns.

Fóra dos programas incluídos dentro do chamado gasto social, temos que destacar a caída do investimento en investigación e desenvolvemento, cun descenso en torno ao 25%, que como dicíamos anteriormente pon en entredito o futuro económico e corta unha vía pola que se estaba comezando a apostar, sendo ademais unha das principais recomendacións da Unión europea ata estes momentos.

Son uns orzamentos desconcertantes, “terríbeis”, nos que non se aposta nin polo emprego nin polas persoas. Semella que están feitos única e exclusivamente para atender as necesidades financeiras. Non debemos esquecer que unha parte moi importante da débeda está en mans da banca, á cal se lle prestaron uns fondos a uns xuros moi reducidos, que destinou a comprar débeda pola que temos que pagar uns xuros moi elevados.

Queda por vermos o investimento territorializado. No que atinxe especificamente a Galiza, é dos poucos territorios onde se prevé que medre o investimento do Estado neste ano, pero non debemos esquecer que o forte atraso que levan algúns investimentos no noso país, especialmente todo o relativo ao AVE, explican este volume no orzamento.

 

 

Distribución territorial do investimento rexionalizábel (en millóns de euros).

 

Inversión total.

 

 

2011

2012

Variación

Andalucía

2.970,21

   1.851,91   

-37,7

Aragón

536,43

    467,55   

-12,8

Asturias

556,19

    506,95   

-8,9

Baleares

183,11

    143,25   

-21,8

Canarias

356,86

    286,68   

-19,7

Cantabria

173,98

    121,90   

-29,9

Castela e León

1.755,13

   1.584,89   

-9,7

Castela a Mancha

920,51

    855,40   

-7,1

Catalunya

2.545,53

   1.403,21   

-44,9

Estremadura

528,1

    368,79   

-30,2

Galiza

1.550,46

   1.706,15   

10,0

Madrid

1.774,54

   1.265,59   

-28,7

Murcia

526,29

    375,67   

-28,6

Navarra

137,3

     79,98   

-41,7

A Rioxa

120,24

     75,03   

-37,6

Valencia

1.538,96

   1.008,56   

-34,5

Euscadi

439,42

    521,75   

18,7

Melilla

39,76

     28,44   

-28,5

Ceuta

55,89

     46,03   

-17,6

T. rexionalizábel

16.708,91

 12.697,73   

-24,0

Fonte: Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado español 2012.

 

Así, fronte a unha caída do 24% no investimento total rexionalizábel, Galiza percibe un 10% máis de fondos que no ano anterior. Tamén Euscadi ve incrementado o investimento do Estado. No resto das comunidades as reducións son importantes.

Mais esta evolución non se mantén no que se recibe a través do Fondo de Compensación Interterritorial, pois é Galicia a comunidade que sofre un maior recorte.

Fondo de compensación interterritorial (en millóns de euros)

 

2011

2012

Variación

 

Importe

% total

Importe

% total

 

Galiza

99,57

13,1

76,99

11,6

-22,7

Andalucía

275,02

36,1

236,87

35,8

-13,9

Asturias

24,84

3,3

20,30

3,1

-18,3

Cantabria

4,23

0,6

5,26

0,8

24,5

Murcia

38,87

5,1

33,19

5,0

-14,6

Valencia

87,42

11,5

82,58

12,5

-5,5

Castela a Mancha

69,20

9,1

54,67

8,3

-21,0

Canarias

75,67

9,9

78,61

11,9

3,9

Estremadura

48,94

6,4

41,03

6,2

-16,2

Castela e León

38,76

5,1

37,79

4,8

-18,0

Fonte: Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado español 2012.

Fronte a unha caída global do 13,3%, a redución de fondos que lle corresponde a Galiza é dun 22,7%. Así, é a comunidade que sofre un recorte maior, e se a esta redución lle engadimos un 41% que xa minguara esta partida nos orzamentos para 2011, en apenas dous anos a redución foi de máis do 60%.

A xeito de conclusión, cómpre dicirmos que son uns orzamentos desconcertantes, porque non tratan de corrixir, nin tan sequera de paliar, os grandes problemas do Estado español na actualidade: nin apostan por dinamizar a actividade económica, nin por fomentar o emprego, nin por axudar os máis desfavorecidos, nin polo futuro....

 

Vigo abril de 2012

Natividad López Gromaz

Gabinete técnico confederal.

cig.prensa@galizacig.com