A CIG xa anunciara en rolda de prensa que, de non reverterse a situación, iniciaría mobilizacións en demanda da readmisión dos despedidos e para denunciar a precaria situación laboral á que os propietarios desta empresa pretenden someter ao seu persoal. Esta é a segunda concentración que se celebra e a CIG advirte que haberá máis.
O traballo habitual en Moure Pan inclúe un mínimo de 10 horas diarias para traballadores do forno, moitas máis de 40 horas nos despachos e aínda máis para as persoas encargadas de facer os repartos. As libranzas son, como moito, dun día cada mes e medio. A isto hai que engadir os constantes atrasos no pagamento das nóminas e pagas extra.
A situación para as traballadoras e traballadores empeorou cando comezaron a reclamar os pagos das cantidades adebedadas, porque comezaron a recibir un trato vexatorio, que ten provocado que haxa persoal de baixa polas presións.
Finalmente a empresa foi sancionada pola inspección de Traballo, que acreditou a situación e sancionou a Moure Pan por vulnerar os seus dereitos, alén de obrigala a estabelecer calendarios laborais e vacacións. Poucos meses despois de cumprir estes requisitos, a empresa contratou a 3 persoas para facer o traballo se atender as limitacións marcadas pola Inspección, e recorreu ao despedimento obxectivo destese tres traballadores considerados “rebeldes”.
A CIG denuncia que para isto serve a reforma laboral, para amparar comportamentos empresariais “mafiosos” e para someter ás traballadoras e traballadores á vontade única do empresario.
A central sindical anuncia que se esta situación non se corrixe de inmediato, “seguiremos a mobilizarnos para explicar á clientela qun é esta empresa e convocaremos unha folga até que se consigan as readmisións das traballadores/es despedidos”.