Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 27/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: desemprego : : EPA : : I Trimestre : : orzamentos : : paro : : recortes :

Mentres o goberno central recorta as partidas de fomento de emprego, o paro afecta xa a 265.600 persoas en Galiza

A taxa de paro sitúase en Pontevedra no 25,08%, superando en case cinco puntos a galega e mesmo por riba da media estatal
A CIG advertiu que lonxe de favorecer a creación de emprego, a reforma laboral provocaría un aumento do paro. Alertou da necesidade de incrementar o investimento público para dinamizar a economía e favorecer así a creación de emprego e denunciou que todas as políticas económicas que se estaban a impor desde o goberno do estado provocarían unha contracción económica de graves consecuencias. Hoxe o estado español está en recesión, o desemprego é alarmante e a submisión do goberno da Xunta a estas políticas está a provocar que en Galiza o paro medre por riba da media estatal. O máis grave é que os orzamentos presentados polo goberno de Mariano Rajoy van empeorar aínda máis esta situación.

Mentres o incremento do paro é galopante os orzamentos do estado reducen a partida orzamentaria destinada ás persoas desempregadas en torno a un 5,5%, aínda cando o propio goberno estatal estimaba que o número de persoas paradas medraría en 631.100 no conxunto do estado. Estimación que logo de coñecerse os datos do primeiro trimestre xa non ten ningún valor. Ante isto, a CIG pregúntase se a pretensión do goberno do Partido Popular é deixar quedar a miles de traballadores (millóns no estado) na indixencia.

A central sindical considera que “é inadmisíbel” que neste escenario “se acepte de antemán un nivel de desemprego de tal magnitude, que non se tome ningunha medida coa fin de frear esta lacra social que está deixando a un cuarto da poboación -sen esquecer ás persoas que dependen destes empregos- nunha situación de total desamparo e sen esperanzas cara ao futuro”.

Os datos falan por si sós. A taxa de paro en Galiza alcanza o 20,18%, ou o que é o mesmo, unha de cada 5 persoas en activo está desempregada. Nun só trimestre houbo no noso país 25.200 persoas desempregadas máis, até acadar o total de 265.600 parados e paradas. A ocupación caeu en 22.400 persoas, un 2,1%.

A destrución de emprego en Galiza segue avanzando por riba da media estatal e mentres que o número de desempregados se incrementou nun 10,5%, no conxunto do estado medrou o 6,9%, un total de 3,6 puntos menos.

Os sectores máis castigados foron Construción, Servizos e Industria. En termos absolutos, dos 22.400 desempregados máis que hai no noso país, 13.800 traballaban no sector Servizos; 6.400 no da Construción e 3.000 no de Industria.

A provincia de Pontevedra foi a máis castigada. Neste caso, a taxa de paro, dun 25,08% (1 de cada 4 persoas está desempregada), supera en case cinco puntos a galega e mesmo se sitúa por riba da media estatal, onde alcanza xa o 24,44%. De feito, máis da metade dos novos parados da Construción (3.500) son de Pontevedra. Aínda así, o número de desempregados na hostalería, nesta provincia, é de 4.400. Outros 2.200 desempregados correspóndese co sector de venda de vehículos, reparación...

Fomento do emprego

Fronte a esta situación, ao Partido Popular non se lle ocorre máis que presentar unhas contas nas que se destina un 21,3% menos que en 2011 para fomento do emprego, o que evidencia que esta non é unha das prioridades deste goberno. Nun momento como o actual, cun 24,44% de poboación activa parada (374.300 desempregados/as máis, chegando xa a 5.639.500 persoas), un 20,18% en Galiza, e medrando “non destinar máis fondos a este programa, senón todo o contrario, aplicar un recorte de tal magnitude, non se explica”.

Nos propios orzamentos, e malia o incremento do número de desempregados, os orzamentos reducen nun 5,5% respecto de 2011 a partida destinada a desemprego. O descenso afecta a todo tipo de prestacións, máis as de nivel asistencial (8,3%) que as contributivas (4,2%). “Isto significa que vai quedar un número moi importante de traballadoras/es sen ningún tipo de protección. Queda a dúbida, ademais, de como se vai aplicar esta redución”, pero a CIG témese o peor.

Para a central sindical, tamén é gravísimo,  que nin sequera hai unha aposta polo futuro, xa que os fondos destinados a educación é I+D descenden fortemente. Se a isto lle engadimos o recorte en servizos sociais, os recortes en 10.000 millóns máis en Sanidade (onde se introducen ademais os copagos) e Ensino (onde se prevé incrementar escandalosamente o prezo das matrículas universitarias), o único que se pode concluír é que o Partido Popular “non aposta nin polo emprego, nin polas persoas”.

cig.prensa@galizacig.com