Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 27/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O informe da Inspección de Traballo culpa a Grúas Usabiaga e a UTE-Langosteira pola morte dun operario o pasado mes de outubro

A CIG celebrou unha concentración diante da Autoridade Portuaria para reivindicar postos de traballo no Porto Exterior sen riscos para a saúde e con plena seguridade
Coincidindo coa véspera da celebración do Día Internacional da Seguridade e a Saúde Laboral, extraballadores/as das obras do Porto Exterior e delegados/as da CIG participaron nunha concentración diante da Autoridade Portuaria para reivindicar a creación de empregos sen riscos de morte e con garantías do pleno cumprimento da normativa en materia de seguridade e saúde laboral. Así mesmo, coa protesta a CIG reclamar a recolocación dos exempregados da UTE-Langosteira nas futuras obras que se contraten no porto.

A central sindical acordou convocar esta protesta co gallo da conmemoración do Día Internacional da Saúde no Traballo e tras coñecer o informe emitido pola Inspección de Traballo no marco da investigación do accidente que o pasado mes de outubro custou a vida a un operario de Grúas Usabiaga, cando participaba nas tarefas de desmontado dun guindastre no Porto Exterior.

No documento, a Inspección de Traballo confirma os termos da denuncia feita no seu día pola CIG a respecto dos graves incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral nas obras de Punta Langosteira no momento de producirse o accidente. Segundo se recolle no informe, extenso e demoledor, a ministerio público culpa a Grúas Usabiaga de “non cumpriu coas medidas de seguridade esixidas” e estende á acta de infracción, solidariamente, á UTE-Langosteira, por concorrer en “neglixencia por omisión de medidas de seguridade”, xa que é á empresa contratista a quen corresponde a vixilancia e control do cumprimento das medidas de seguranza de todos os que traballan na obra, directa ou indirectamente, así como o cumprimento do Plano de Seguridade.

A acta de infracción tamén se fai extensíbel ás dúas empresas subcontratadas pola propia Grúas Usabiaga para a realización do desmontado da grúa.  E emítese outra acta de infracción contra a UTE-Langosteira en materia Preventiva.

Un sinistro mortal “previsíbel e evitábel”

Segundo a investigación da Inspección, o sinistro produciuse “ante o incumprimento por unha flagrante infracción das normas de prevención”, xa que a empresa non garantiu a realización do traballo de xeito seguro, senón que pola contra este “se realizou mediante un procedemento de extracción improvisado polos operarios (...), sen medios auxiliares axeitados e sen adoptar medidas de organización” para evitar a presenza doutros traballadores/as na zona de risco.

Ademais, no momento do desmontado tampouco estaba presente a dirección técnica para organizar e guiar as tarefas, nin se ofreceron instrucións concretas aos operarios,  e mesmo nin sequera se cumpriron as medidas preventivas básicas.

Ademais, a Inspección acusa ás empresas de “coñecer, permitir e consentir” esta situación irregular, a pesar de estaren legalmente obrigadas a evitar calquera perigo, creando así un “risco previsíbel e evitábel”. É dicir, de cumprírense as normativas procedentes e observarse o estrito cumprimento dos protocolos de prevención e seguridade, a tráxica morte de EJAD podería terse evitado. Por iso é a propia administración quen afirma que “a gravidade dos feitos parece fóra de toda dúbida”, pois non estamos a falar de perdas materiais, senón de vidas humanas.

A gravidade moral destes feitos agudízase ao ter en conta o tráxico historial de accidentes mortais (suman xa cinco) que vén acompañando á obra do Porto Exterior dende o seu inicio no ano 2005 e a permanente falta de dilixencia –denunciada pola CIG en múltiples ocasións- por parte dos responsábeis da infraestrutura –Autoridade Portuaria, UTE e subcontratas- á hora de cumprir a normativa en prevención e seguridade.

Estes sinistros evidencian os incumprimentos en materia de seguridade e hixiene existentes nas obras de Punta Langosteira, constatados agora no informe da Inspección de Traballo, desmentindo as afirmacións da Autoridade Portuaria e a UTE ao longo destes anos a respecto do cumprimento dos planos de seguridade e das medidas de protección.

Por iso, ante os anuncios das licitacións para as próximas obras no Porto Exterior, a CIG esixe da Autoridade Portuaria e das empresas adxudicatarias que garantan o cumprimento estrito da normativa e se cren postos de traballo libres de riscos mortais.

Recolocacións dos ex traballadores/as

A respecto da creación de emprego en Punta Langosteira, a CIG tamén aproveitou a convocatoria para demandar da Autoridade Portuaria que promova a recolocación dos ex traballadores e traballadoras da UTE nas empresas que obteñan as obras da nova fase de construción do porto.

A CIG, como xa lle expuxo en decembro pasado aos responsábeis do Porto, reitera a defensa da legalidade da continuidade dos contratos do antigo cadro de persoal da UTE nas novas adxudicacións durante a III Fase de construción. Ademais, cómpre lembrar que esta reivindicación tamén foi asumida pola Corporación de Arteixo o 24 de novembro, que, en sesión plenaria, acordou por unanimidade solicitar da Autoridade Portuaria o mantemento dos postos de traballo.

Neste senso, o Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Paulo Carril, afirmou que “se houbo unha Fase I e unha Fase II que fixo este cadro de persoal o lóxico parece ser que a Fase III  tamén teña ocupados o maior número de postos de traballo con este mesmo persoal”. Destacou ademais a importancia de poder contar cun colectivo de operarios/as especialmente cualificado, que xa está formado e conta con experiencia para traballar nun obra tan complexa dende o punto de vista técnico e problemática, dende o punto de vista laboral.

cig.prensa@galizacig.com