“Frustrante”. Deste xeito definiu Paulo Carril, secretario comarcal da CIG, o resultado da reunión co responsábel de Recursos Humanos de MARTINSA-FADESA. A inmobiliaria non presentou o plan de emprego que, desde meses, lle reclama o cadro de persoal para garantir os postos na sede coruñesa. No entanto, a empresa asegurou na reunión que dito plan será anunciado durante a primeira quincena de xuño. Este adiamento foi moi mal recibido polos empregados e cualificárono de “insultante”.
Pola súa banda, o representante de MARTINSA-FADESA si confirmou que haberá recortes e reestruturación no cadro de persoal e que a cifra de despedimentos superará os 74 postos anunciados en novembro. Por tanto, o comité de empresa entende que MARTINSA-FADESA está a preparar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) en A Coruña. Os traballadores non se resignan e proseguirán coas mobilizacións, todos os venres, diante da inmobiliaria.
Denuncia na InspecciónA CIG presentou unha denuncia na Inspección de Traballo por “falta de ocupación efectiva” en MARTINSA-FADESA. “É evidente que a empresa está a actuar de xeito premeditado para desocupar a sede coruñesa e trasladar o traballo cara Madrid para tentar darlle lexitimidade ao ERE”, puntualiza Carril.
Máis do 50% dos postos de traballo da inmobiliaria existentes en A Coruña víronse afectados desde que Martinsa adquiriu Fadesa. Durante o ano pasado houbo 140 baixas, 38 traballadores foron trasladados a Madrid e 33 do departamento de Informática foron externalizados a outra compañía. Ademais, no que levamos de ano, 34 empregados perderon o seu posto. Actualmente traballan por volta de 200 persoas na sede coruñesa, cando chegou a contar con case medio milleiro.