Navantia, explican nun comunicado dende a Sección Sindical da CIG, está en proceso de contratar dende Madrid, nunha oferta única e para todos os centros e Unidades Produtivas da empresa, os servizos de prevención e contra incendios auxiliares e os servizos médicos contratados e de ambulancias. Deste xeito, a empresa que resulte adxudicataria prestará estes servizos en todos os centos de Navantia.
Para a Sección Sindical da CIG en Navantia-Ferrol este sistema impide que empresas de ámbito local ou territorial participen no concurso e vai contra do manifestado polo novo Conselleiro Delegado de Navantia na súa recente visita á factoría ferrolá, quen asegurou que se ía outorgar potestade de contratación ás distintas unidades produtivas e potenciar as empresas das zonas onde están situados os estaleiros públicos.
Ademais, matizan, o sistema de contratación centralizado ten evidenciado o seu rotundo fracaso, tanto dende o punto de vista económico como produtivo. Isto xa provocou o cese da anterior cúpula directiva na área de Compras e Contratación, “pero semella que non se aprende dos erros”.
Así mesmo, a CIG en Navantia subliñou que este proceso provoca incerteza ante a posíbel perda de postos de traballo do persoal que na actualidade presta estes servizos e pola posíbel perda das garantías laborais e recorte nas condicións retributivas, no caso de que a empresa adxudicataria asuma a contratación destes traballadores/as. Situacións ás que se opón firmemente a Sección Sindical da CIG.