A día de hoxe, explica a Secretaria Comarcal da CIG-Saúde, Carme Aira, este hospital conta con 68 camas que nunca chegaron a abrir e “supoñemos que 200 camas baleiras que é o que vén sendo a tónica habitual”.
Porén, tamén neste día o servizo de urxencias do Hula ten ocupadas 29 camas de observación (o total) e 5 box dos 16 do servizo, con pacientes en espera de melloría ou ingreso.
Esta situación, denuncia, acontece de xeito continuado, “de modo que se pode pensar que se está usando o servizo de urxencias como unidade de hospitalización, no canto de ocupar as camas que existen para ese fin”.
A respecto, a CIG-Saúde subliña que ten constancia de que a poboación da área sanitaria de Lugo é consciente deste problema debido ás múltiples ocasións que teñen que acudir a urxencias co mesmo problema antes de que se lles dea unha solución.
De feito a mediados de abril, tralo anuncio do peche das 301 camas para o verán, a central sindical xa pediu á Dirección se tiña estatísticas feitas no relativo a reingresos motivados polas altas precoces, ou frecuentación dos mesmos/as pacientes á urxencias.
“No antigo Complexo tiñamos que sufrir a saturación de Urxencias por déficits estruturais (falla de camas e falla de espazo), que daquela eran insalvábeis. Pola contra, aquí, temos unhas instalacións melloradas, un número de camas do máis razoábel, e a pesares diso non son suficientes para garantir unha mínima confortabilidade e seguridade na atención dos/as doentes”, critican.
A CIG-Saúde non só manifesta un rexeitamento absoluto a este tipo de xestión da atención, se non que demanda un cambio radical para garantir a calidade asistencial que o Sistema Sanitario Público debe ofertar.