Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 27/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Convocada folga indefinida en Campiñas de Laíño, Refojo y González e Hipescar a partir do día 2 de xullo

Se readmiten aos 7 traballadores e traballadoras despedidos, antes desa data, e se abre un proceso de negociación, desconvocaríase
A CIG vén de anunciar, en rolda de prensa, a convocatoria dunha folga indefinida na empresa cárnica Campiñas de Laíño, na de transporte Refojo y González e na de comercio e alimentación Hipescar, con centros de traballo en Compostela, Bertamiráns (Ames), Boiro e Imo. A convocatoria foi acordada polo persoal, en asemblea conxunta, tras do despedimento das persoas elixidas como representantes, xunto con outras ás que a empresa acusa de ter informado á CIG da situación laboral na que se atopan.

Os traballadores  e traballadoras das empresas Campiñas de Laíño, Refojo y González e Hipescar levan, como mínimo, un mes sen cobrar, aínda que hai algúns aos que se lles adebedan até tres meses. A maioría teñen, ademais, pendentes os cobros de dúas pagas extra.

Xunto a isto, dúas destas empresas presentaron concurso de acredores “sen que o persoal teña ningunha información ou, cando menos, información veraz do que está acontecendo. Tampouco saben cal pode ser a saída nin a situación na que se atopan as contas”, explica Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG de Compostela.

Ante esta situación, as traballadoras e traballadores das tres empresas decidiron organizarse en asemblea conxunta, na que acordaron intervir no concurso de acredores. Para iso, lembra a representante da CIG Lucía Freire, revocaron aos delegados de persoal, que foran escollidos con anterioridade en Campiñas de Laíño. “Tres delegados de UGT, casualmente todos eles membros da familia ou achegados á empresa elixidos nun proceso de eleccións sindicais que fora de todo agás transparente”.

Tras da revogación, o persoal –máis de 80 traballadoras e traballadores en total- escolleu a tres representantes. “A resposta da empresa foi despedir, tres días despois, ás persoas elixidas como representantes e a catro máis”, explica Pavón. “Entre elas á que responsabilizaban de facilitar a entrada da CIG”, engade. Despedimentos “a dedo”, asegura, “claramente dirixidos a frear as lexítimas reivindicacións do persoal”.

Ante isto, o persoal acordou en asemblea convocar unha folga indefinida que comezará o luns, día 2 de xullo, nas tres empresas. A súa demanda inicial é a readmisión das persoas despedidas, que se cobren as cantidades pendentes, que en diante se cobre con normalidade e que, cando menos, se dea información veraz de como está a situación das empresas.

Até o de agora o único contacto que se mantivo foi coa avogada da empresa, a quen se lle comunicaron estes acordos. Porén, a empresa négase mesmo a proporcionar as contas, cuestionando agora a lexitimidade para pedilas, porque quen as demandaron foron precisamente as persoas elixidas como representantes e que agora están despedidas.

Grupo empresarial

Para a CIG non cabe dúbida de que estas tres empresas conforman un Grupo empresarial e que, polo tanto, non se poden considerar conflitos separados, senón un só. “As funcións do persoal están mesturadas, hai confusión patrimonial, os administradores das empresas coinciden e os xefes exercen como tal, indistintamente en cada unha das empresas”, explica o representante da FGAMT-CIG. Tal é así que “hai xente que non sabe en que empresa está dada de alta, independentemente de que traballen nunha empresa ou noutra”, afirma.

De feito, cando se producen os despedimentos, quen os efectiviza é Campiñas de Laíño, que é a empresa de cárnicas, pero a quen despide é a persoal que nin sequera presta os seus servizos alí. Na propia rolda de prensa, dúas das persoas despedidas que estaban presentes, unha traballa en Hipescar de forma permanente e non foi ao matadoiro a nada e outra desenvolvía a súa actividade en Refojo y González, na tenda de Imo, e tampouco presta os seus servizos en Campiñas.

Pavón matiza que tampouco se poden xustificar os despedimentos por falta de traballo, porque Campiñas de Laíño fixo tres contratacións hai un mes, para cambiarlle o contrato ao persoal das tres empresas para que non collan antigüidade e porque o conxunto do persoal segue facendo horas extra –que non se cobran- coma sempre.

Polo momento, a resposta do grupo ante a convocatoria de folga foi a de convocar unha “pseudo” asemblea de traballadoras e traballadores, na que foron ameazados co peche da empresa e chamadas a capítulo a particulares, para ameazalos co despedimento se secundaban a folga.

A CIG insiste en que se as persoas despedidas son readmitidas e se abre unha mesa de negociación non se levará adiante a convocatoria de folga. A central sindical agarda, en todo caso, que se recoñeza que isto é un grupo de empresas, para poder analizar a problemática económica en conxunto e que na negociación falen directamente representantes da empresa, do cadro de persoal e administradores concursais, para analizar a situación e acordar unha solución de forma conxunta, de cara a que se manteñan os postos de traballo e se poida seguir cobrando.

A central sindical advirte de que, se a folga se mantén, estará “vixilante” para que se garanta que quen traballe durante a mesma o faga no seu posto e non substituíndo a persoal que estea en folga. “A esa xente váiselle descontar o día, como marca a lei, pero tamén ten dereito, como marca a lei, a que se note a falta da súa prestación de traballo ese día. Non permitiremos que faga repartos persoal que non adoita facelos ou que traballen no matadoiro persoas que non adoitan traballar alí”, asegura Inácio Pavón.

cig.prensa@galizacig.com