A marcha rematou por volta das doce e media, cando unha parte dos manifestantes pasaron a ocupar os asentos do Auditorio, a onde se trasladou a celebración do Pleno municipal. Na sesión íase votar a moción de apoio á loita do persoal de Treves, a prol do mantemento do emprego na factoría e rexeitando o expediente de regulación, que suporá a supresión dos contratos das 133 traballadoras.
A iniciativa foi aprobada por todas as forzas políticas con representación na Cámara municipal. Posteriormente, a mobilización trasladouse até o centro de Treves en O Campiño, onde as traballadoras levaron a cabo unha concentración en sinal de protesta polo ERE e exixindo a continuidade dos seus postos de traballo.
Concentración en Compostela
A asemblea do persoal, celebrada a última hora da mañá do venres, acordou fretar varios autobuses até Compostela para poder realizar unha concentración o vindeiro xoves 30 de xullo, diante do complexo administrativo de San Caetano. O motivo da protesta é reclamar aos conselleiros de Traballo e Industria que respondan á solicitude do persoal para manter unha xuntanza.