Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 27/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
María do Tránsito Fernández diríxese ás traballadoras/es ás portas do antigo reitorado de Vigo.

Limpadoras dos colexios toman a Concellería de Educación viguesa para denunciar que o prego de condicións incumpre o convenio

A responsábel municipal da área accedeu a recibir o comité de empresa, que non descarta mobilizarse despois de que a reunión rematase sen avances
Arredor dun cento de traballadoras/es da limpeza dos colexios e comedores escolares de Vigo realizaron na mañá de hoxe un peche na Concellería de Educación para forzar unha reunión coa responsábel municipal que levan tempo solicitando. As operarias denuncian que os cambios introducidos no prego de condicións para a nova adxudicación do servizo incumpren o convenio colectivo. Dende a CIG-Servizos, sindicato maioritario no comité de empresa, critican que a xuntanza non servise para corrixir unha situación que pode derivar nun grave conflito no mes de setembro.

Arredor dun cento de operarias entraron sobre os 11 da mañá nas dependencias do departamento local na antiga sede do reitorado da Universidade de Vigo, na rúa Oporto, para reclamar de novo unha reunión coa responsábel municipal de Educación. A concelleira accedeu a manter un encontro co comité de empresa para abordar a situación creada despois de que finalizase a concesión do servizo. Tal e como denuncian dende a CIG-Servizos, a Administración local modificou o prego de condicións sen ter en conta a vixencia do convenio colectivo propio, degradando polo tanto as condicións salariais e laborais das traballadoras.”O que pretenden é rexerse polo convenio provincial da Limpeza, establecendo peores condicións, cando as empregadas contan cun convenio de empresa”, indica a secretario comarcal da CIG-Servizos, María do Tránsito Fernández.

Os representantes dos traballadores amosáronse moi pesimistas trala reunión e censuraron o descoñecemento do tema do que fixo gala a concelleira, “que nin sabía que xa presentaramos alegacións ao documento”. A xuntanza rematou sen ningún compromiso por parte da responsábel local, polo que as operarias xa están convocadas a unha asemblea o vindeiro luns día 2 agosto para decidir as medidas a adoptar. Neste senso, non descartan trasladar as protestas á propia casa consistorial viguesa. “Isto foi o que lle adiantamos á concelleira, e tamén lle comunicamos que agardaremos ao día 9 para ver que empresa resulta seleccionada e en que condicións”. O contido da reunión foi trasladado ás traballadoras nunha asemblea improvisada que se celebrou pasadas as 12 do mediodía fronte ao edificio municipal.

cig.prensa@galizacig.com