Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 27/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Nas oficinas de Banesto de Galiza fanse máis de 240.000 horas anuais non declaradas

CIG-Banca convocou unha concentración diante da sede da entidade, en Compostela, para exixir o cumprimento da lexislación laboral
Delegados/as da federación de Banca e representantes da CIG da comarca de Compostela concentráronse diante da oficina de Banesto na Praza de Galiza para denunciar as presións ás que a entidade está a someter ao 90% do seu persoal en Galiza, ao que obriga a facer horas extra non declaradas, máis alá da xornada laboral legalmente establecida.

CIG-Banca denuncia que en Banesto fanse máis de 240.000 horas anuais non declaradas. Unha fraude que ten unha incidencia directa e claramente negativa tanto para os traballadores e traballadoras como para a propia sociedade galega, ao perdérense uns 150 postos de traballo aos que poderían acceder mozos e mozas en paro, de cumprirse a lexislación laboral.

Esta situación prodúcese logo de que a entidade reducira, nos últimos 18 meses, o seu cadro de persoal nun 8,18%, o que se traduce en 774 traballadores/as no conxunto do estado. Unha redución que en Galiza supuxo a eliminación de 52 postos de traballo, ou o que é o mesmo, o 10% do total.

Alén diso, aseguran que nun cadro de persoal de 513 traballadores/as, nun só ano, producíronse máis de 278 traslados, é dicir, máis de 50% dos traballadores/as, e que o medo á mobilidade xeográfica é utilizado como medida de presión. “Os traslados fóra das cidades de orixe dos traballadores/as facilita a submisión de calquera empregado/a que pretenda manter o seu posto de traballo na entidade” afirman.

Para a CIG-Banca, esta política de prolongación de xornada -á que non escapa nin o persoal fixo nin o contratado temporal- ten como resultado a destrución de máis de 200 postos de traballo netos. “É máis importante o mal entendido concepto dos resultados económicos e a produtividade por empregado/a, que as leis laborais vixentes”, sosteñen.

A federación de Banca da CIG subliña que esta situación dáse malia Banesto ter declarado en 2009 uns beneficios de 824 millóns de euros e de ter recorrido ás axudas do Estado por valor de 1.301 millóns de euros.

cig.prensa@galizacig.com