Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 27/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A EPA reflicte a escandalosa destrución do emprego indefinido en Galiza

A forte perda de emprego provoca que, por vez primeira na historia, o paro masculino supere ao feminino
Segundo os datos recollidos na Enquisa de Poboación Activa, do total de persoas asalariadas que perderon o seu emprego neste II Trimestre, un 56% tiñan contrato indefinido. Ante isto, a CIG alerta do alarmante medre da precariedade laboral e das graves consecuencias que están a ter as medidas adoptadas polo goberno, nomeadamente a reforma laboral. “Non favoreceu a creación de emprego, todo o contrario, deu facilidades ao empresariado para que este expulse do mercado laboral ás persoas que tiñan unhas condicións máis estábeis e dignas”, denuncia Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego.

Outra das consecuencias das políticas emprendidas polo PP é a cada vez maior equiparación –por abaixo- de homes e mulleres. É tal o ritmo de destrución de emprego que, por vez primeira na historia, a taxa de paro masculina, do 21,8%, supera á feminina, que está no 20,2%. Para a CIG isto constata a lamentábel situación na que se atopa o mercado laboral e o absoluto fracaso das políticas do PP, que non foi quen de mellorar a situación laboral das mulleres, como a central sindical viña demandando, e conseguiu provocar a masiva destrución de emprego masculino.

Do total do emprego destruído, neste II Trimestre entre os homes descendeu a ocupación nun 2,5% (14.100 homes) e entre as mulleres un 0, 5% (2.600 mulleres). Ou sexa, o 84% do emprego destruído afectou aos homes. De feito agora hai ocupados 546.000 homes e 487.000 mulleres, un total de 1.033.700 persoas en Galiza.

A ocupación caeu un 1,6%, en 16.800 persoas, respecto do trimestre anterior, pero respecto do ano pasado a caída foi do 5,3%. Isto significa que 57.700 persoas perderon o emprego no último ano en Galiza.

Exclusión social

Para o secretario confederal de emprego, tamén é especialmente grave que neste II Trimestre o número de fogares con todos os membros desocupados se incrementara en 2.700, pasando dos 24.900 do primeiro trimestre a, nin máis nin menos que 27.600. “Co endurecemento das condicións para acceder ás prestacións por desemprego e ás prestacións non contributivas, estase destinando á exclusión social, directamente, ás persoas desempregadas e ás súas familias”.

 Así as cousas, o número total de persoas desempregadas en Galiza é de 275.900 e a taxa de paro é do 21, 1%. Respecto do trimestre anterior o desemprego aumentou un 3,9%. Porén, con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior o incremento foi dun 25,6% . Entre os homes o paro aumentou un 36,2 % interanual.

Por sectores onde máis caeu foi na Industria, un 2,7%, seguida polo sector Servizos, onde cae o 1,7%. Por provincias, na da Coruña perdéronse neste trimestre 12.000 empregos, un 2,6 %, dos que 7.400 correspóndense co sector servizos. En Pontevedra foi do 1%. Porén, a nivel interanual máis do 50% do emprego que se destruíu en Galiza foi na provincia de Pontevedra.

López Rivera cualifica os datos da EPA de “demoledores” e salienta que nin sequera o comezo da campaña de verán, no mes de xuño, posibilitou minimizar o escandaloso e imparábel camiño de destrución de emprego provocado polas políticas neoliberais do PP.

cig.prensa@galizacig.com