marco
A Coruña, 27/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Callón acusa a Educación de “falta de transparencia” por ocultar os datos sobre o incumprimento do Decreto de galeguización

A Mesa di que o Partido Popular mente coa intención de apartar o galego da vida pública

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, sinalou o 27 de agosto nunha comparecencia ante os medios de comunicación, que “o conflicto lingüístico está activo en Galiza porque existen grupos poderosos que tentan que a lingua galega desapareza da vida pública e que se consolide a ausencia de dereitos dos galegofalantes”. O presidente da Mesa acusou ao Partido Popular de liderar estes grupos de presión.
Carlos Callón, presidente da MNL.

"Tanto Raxoi como Feixó utilizan as mesmas tácticas que Acebes e Zaplana: menten, ocultan a realidade e desprezan profundamente a cultura de Galiza, a pesar de seren galegos”. Callón acusounos de “racismo lingüístico”, xa que, ao seu parecer, “consideran que por falar en galego non se pode ter os mesmos dereitos e que hai linguas de primeira e de segunda”.

Carlos Callón salientou que “en moitos dos ámbitos nos que din que o galego se está a impor a realidade dista moito de ser así e mesmo se incumpre a lexislación”. O presidente da Mesa sinalou como un dos exemplos o caso do ensino. Segundo unha enquisa encargada pola asociación que preside, o 65 por cento dos centros de infantil das cidades incumpren o decreto 124/2007, que entrou en vigor o ano pasado. Non existen datos oficiais sobre o cumprimento desta lei, xa que a Consellaría de Educación, que se comprometeu a facilitalos antes do remate do curso pasado, non os fixo públicos.

Por iso, Callón acusou ao departamento que dirixe Sánchez Piñón de “falta de transparencia” e preguntou “se hai algún tipo de medida prevista para que o curso que agora comeza si se cumpra o decreto”. O presidente da Mesa anunciou que a asociación vai ser “garante do cumprimento da lexislación no ensino, mesmo sen fuxir da controversia se for preciso”. “A nosa paciencia xa se esgotou de vez”, concluíu.

En canto ao ensino universitario, e en relación coas declaracións feitas polo filósofo George Steiner nunha recente entrevista, nas que se lamentaba de que o galego fose supostamente obrigatorio nunha universidade galega, Callón apuntou que, lonxe de imporse, e segundo os datos facilitados polas propias entidades, en ningunha das universidades galegas se supera unha quinta parte do ensino en galego. Así, na Universidade da Coruña, tan só o 8,9 por cento das aulas son na lingua do país, na Universidade de Vigo acádase o 16 por cento e só na USC se chega ao 20 por cento. “Hai moitas carreiras en Galiza onde non se escoita unha soa palabra en galego, a pesar de que, como calquera outra lingua, é plenamente apta para ser vehículo de coñecemento universitario”, indicou Callón.

Ademais do ensino, hai outros moitos eidos, como o da xustiza ou a administración do Estado, onde non se cumpre coa cooficialidade do galego. Neste sentido, o presidente da Mesa avaliou como unha etapa “con claros e escuros” a última lexislatura do Goberno galego. Valorou positivamente medidas como a creación das Galescolas ou o rascuño da Lei de comercio.

Porén, no tocante á actuación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Callón falou dun “continuísmo evidente e mesmo de pasos atrás, como a desaparición das axudas ao comercio”. “En troca de melloralas, asinaron un macroconvenio coa Confederación de Empresarios, que só serviu para estender a rede clientelar, é dicir, para utilizar o diñeiro do galego dunha forma fraudulenta”, denunciou o presidente da Mesa, quen comparou este acordo “coas axudas que se lle dan aos medios de comunicación para fomentar o galego”. Segundo Callón, “nalgún dos medios que reciben estas axudas os niveis de emprego da lingua galega son máis baixos mesmo que na Transición, e algúns deles lideran feroces campañas contra a nosa lingua”.