Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo (Hedegasa), fora despedida o pasado 22 de febreiro, logo de ter sufrido un rosario de discriminacións e ameazas por exixir o cumprimento da lei de Igualdade. Pisco solicitara, logo da baixa por maternidade, unha redución de xornada por coidado de fillos, as horas de lactación e o desfrute das vacacións que tiña pendentes, todos dereitos que lle foron denegados e que a obrigaron a recorrer á vía legal para o seu recoñecemento. A cambio conseguiu, antes de ser despedida, que a empresa a deixara sen traballo efectivo, que se lle prohibira o uso dos lugares comúns dos condutores e verse obrigada a pasar a xornada laboral no seu coche particular no exterior da nave.
O xuízo contra Hedegasa celebrouse o pasado 1 de xullo e a sentenza, que vén de facerse pública, considera probado que o despido disciplinario non foi máis que un comportamento empresarial que vulneraba os dereitos fundamentais da traballadora.
A sentenza recolle ademais que a traballadora estaba sen traballo efectivo como represalia por ter reclamado uns dereitos legalmente establecido e obriga á empresa HEDEGASA a readmitila nas mesmas condicións que rexían antes do despedimento, asignádolle unha ruta que se adapte á súa redución de xornada.
Para a CIG faise así xustiza a unha situación de clara discriminación de xénero, máis cando a traballadora, Nélida Pisco, en ningún caso prexudicou á empresa, ao servizo ou aos seus compañeiros e queda constatado a empresa se meteu nesta batalla co único obxectivo de que ningunha outra muller seguira o seu exemplo.
Ao mesmo tempo, pon en evidencia, segundo Inácio Pavón, da FGAMT-CIG, a actitude hipócrita da Xunta de Galiza, propietaria do servizo que se negou a recibir tanto á traballadora como aos representantes sindicais, cando nese mesmo período ampliou por dez anos máis a concesión a unha empresa agora condenada pola vulneración dos dereitos fundamentais dunha traballadora.
A CIG agarda que Hedegasa cumpra a sentenza na súa integridade, poña fin ás represalias e que tanto nesta como en calquera outra empresa deixe de estar penalizado o libre exercicio da maternidade.