A continuación reproducimos o comunicado emitido pola Alianza:
A Alianza por un Medio Rural Galego Vivo apoia a Plataforma na Defensa do Servizo Público de Prevención Contra Incendios e súmase á manifestación convocada por esta para o sábado día 29 de setembro en Compostela baixo o lema “Na defensa do servizo público contra incendios. Non á privatización”.
Máis alá das reivindicacións en materia de dereitos laborais, que asumimos e facemos propias, temos o convencemento pleno de que a prevención e loita contra os incendios dos nosos montes só será efectiva e respectuosa co medio se é integramente pública, sen intereses económicos e tentacións especulativas.
Un mando único e unha soa coordinación son claves para acadar os obxectivos na extinción. Mais non debemos esquecer o traballo preventivo que pasa por apostar pola multifuncionalidade dos nosos montes, aproveitando os seus recursos naturais, fuxindo dos intereses empresariais extensivos e fomentando a fixación de poboación no rural do noso país. Só así se pode acadar un medio natural rendíbel e sustentábel a un tempo.
Reafirmámonos na necesidade de derrogar a recentemente aprobada Lei de Montes de Galiza, por ser unha ferramenta legal que condea aos nosos montes á desaparición, tal e como hoxe os concibimos, sendo substituídos por extensións infinitas de especies invasivas de rápido crecemento e de especulación no corto prazo, ademais de condenar definitivamente ao despoboamento do noso medio rural.
Facemos un chamamento a todas as persoas que integran as organizacións que compoñemos esta Alianza, e á sociedade galega en xeral, a participar na manifestación do vindeiro sábado 29 de setembro en Compostela, que partirá ás 11:30 horas desde a Estación do Tren.
Ourense, 27 de setembro de 2012
Asinado: Anxo Pérez Carballo