Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 27/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG en Telefónica de Pontevedra denuncia que a empresa está a adoptar “medidas de reorganización” moi negativas para Galiza

Como consecuencia o noso país perderá peso territorial na estrutura da compañía e os empregados/as verán precarizadas aínda máis as súas condicións de traballo
A sección sindical da CIG en Telefónica aproveitou a presenza en Galiza do presidente da compañía, Luís Miguel Gilpérez, para lembrar que as últimas “medidas de reorganización” adoptadas pola empresa repercutirán moi negativamente no noso país. Os empregados/as farán coincidir novas mobilizacións en defensa do emprego coa visita do máximo responsábel de Telefónica ás instalacións da firma de telecomunicacións no noso país. De feito, este venres celebrarán unha concentración fronte á sede central de Vigo, no Calvario, a partir das 14.00 horas.

Dende a CIG-Telefónica de Pontevedra explicaron que a dirección da compañía está a adoptar ultimamente unha serie de “medidas de xestión e organización empresarial” moi negativas para a nosa terra, entre as que temos que salientan dúas especialmente graves:

-Eliminación da cabeceira territorial da Galiza, operante na Coruña ata o mes de de maio de 2011, facendo depender a estrutura organizativa da empresa da cabeceira territorial de Bilbo, coa conseguinte perda de peso territorial.

-Cambio de tipoloxía das provincias de Pontevedra e A Coruña, de tipo 2 a tipo 3, o que implica un empeoramento das condicións laborais do persoal de Operacións, substituíndo as quendas e gardas presenciais por dispoñibilidades dos operarios as 24 horas, co conseguinte impacto na calidade do servizo. Esta medida de flexibilización laboral conducirá a unha maior redución de emprego.

Ao mesmo tempo, indican que estes feitos se producen nun contexto de recorte no cadro de persoal mediante un ERE en execución, que se está a desenvolver territorialmente de xeito desigual, tocándolle a Galiza a peor parte; a redución no país é superior a media do Estado e sen ningunha convocatoria de incorporación de empregados/as na Galiza, facéndose todo de xeito centralizando e sen a menor toma en consideración da representación sindical galega e dos dereitos lingüísticos de traballadores/as e clientes.

No ano 2011, conformaban o cadro de persoal 1.505 persoas, dos que 450 estaban dentro dos parámetros do ERE, é dicir, un 30% do total; compre salientar que xa naquel entón, durante a vixencia do anterior convenio, 2008-2012, viñamos de acumular un déficit aproximado de 350 traballadores/as, respecto a media do Estado, unha situación que está en vías de agravarse.

No plano social dese ERE, o único compromiso de emprego expreso de Telefónica para a Galiza é a xeral dun mínimo de 100 empregados/as por provincia, o que daría 400 para todo o país. Sexa cal sexa o criterio de comparanza –PIB, poboación total, número de liñas en servizo, etc.- ningún deles pode xustificar tamaño espolio, o que nos fai lembrar comportamentos que se poden alcumar de “neocoloniais”, por moito que os metan nos embalaxes da “globalización”.

Pese ás reiteradas reiteradas peticións de información por parte da CIG, “só recibimos a calada por resposta ou a negativa sequera a escoitar as nosas demandas”, como vén de pasar no día de hoxe cunha solicitude de entrevista presentada á empresa con motivo desta visita; esta negativa ven precedida da mesma resposta por parte do denominado“Director de Galicia”, cargo meramente protocolario e de carácter comercial, adicado a despregar cortinas de fume propagandísticas para ocultar a falla de compromiso de Telefónica co noso país, a pesar dos abultados importes comprometidos e pagados pola Xunta de Galiza ao longo do tempo para o desenvolvemento do seu negocio privado, facendo burla do seu propio “Compromiso Social Corporativo”.

Mentres asistimos ao desmantelamento das unidades operativas sen ningún compromiso de emprego da Telefónica co noso país, a CIG non vai a permanecer calada e chama a sociedade galega no seu conxunto a demandar un mínimo compromiso coa economía nacional galega de calquera transnacional que opere no noso país, tanto en materia de emprego como de servizo.

cig.prensa@galizacig.com