Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 27/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: área pública : : CIG : : PP : : protestas : : recortes :

Os empregados/as públicos protagonizan unha nova xornada de protestas contra as políticas antisociais do PP

Rexeitan a conxelación salarial anunciada onte polo Goberno español e alertan do deterioro edesmantelamento dos servizos públicos
Os empregados/as públicos/as galegos/as protagonizaron hoxe unha nova xornada de mobilizacións para rexeitar os ataques do Goberno español do PP aos servizos públicos e denunciar o deterioro das súas condicións de traballo. As concentracións en edificios administrativos, xulgados e hospitais de todo o país celebráronse un día despois de que o Executivo de Rajoy anunciase a conxelación salarial para os empregados/as públicos/as. Paralelamente, en Compostela o persoal das administracións trasladou o seu apoio á mobilización realizada polos traballadores/as de Alcoa, mentres que en Ferrol empregados/as públicos e operarios/as do naval coincidiron nunha multitudinaria mobilización na Praza de Armas.

Con estas protestas, que están a ter continuidade todos os xoves, os empregados/as públicos amosan tamén a súa oposición ao contido do capítulo dedicado a persoal dos Orzamentos Xerais do Estado para 2013 do que tiveron coñecemento onte na Mesa Xeral de Administracións Públicas. Este apartado dos Presupostos aborda as retribucións e condicións laborais do persoal ao servizo das administracións públicas e conta co rexeitamento das organización sindicais porque reincide na conxelación salarial e no mantemento da taxa de reposición do 0%, o que afonda no deterioro e desmantelamento dos servizos públicos.

Segundo os datos presentados, o persoal das administracións recuperarán a paga extraordinaria de nadal para o vindeiro 2013, mais o Goberno do PP mantén a conxelación salarial sen dar posibilidade á actualización da perda do poder adquisitivo acumulada dende 2009. Neste senso, a Área Pública da CIG lembra que tan só neste ano, os empregados/as públicos/as perderon case o 10% da súa capacidade adquisitiva (por mor da supresión da paga extraordinaria de Nadal, que supón unha baixada do 7%, unida á suba do IPC, situado a remate de agosto no 2,7%). Así mesmo, mantense a prohibición de facer achegas a fondos ou plans de pensión ou previsión.

Respecto da taxa de reposición, mantense nun 0% para todo o sector público, agás en determinados sectores básicos, como Educación e Sanidade, onde será de até un 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal. Non obstante, segundo se informou na Mesa, non se producirán contratacións de persoal eventual ou interinos/as, excepto naqueles casos inaprazábeis en sectores prioritarios ou que afecten a servizos públicos esenciais, mais coa autorización previa correspondente.

Dende a Área Pública reiteraron a advertencia das graves consecuencias que esta decisión está tendo para os servizos públicos e para o seu mantemento, provocando o colapso da administración e dos servizos públicos, que xa están comenzando a verse incapaces de atender ás demandas dos cidadáns e cidadás por falta de persoal.

A CIG advirte que tras desta medida agóchase a decisión do PP de ir “adelgazando a administración”, que non é outra cousa que “abocar ao peche a certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer a privatizacións dos que sexan máis rendíbeis”.

Confluencia de protestas en Ferrol

Este xoves, empregados/as das administracións públicas e operarios/as de Navantia e as industrias auxiliareas acordaron mobilizarse conxuntamente cunha multitudinaria concentración diante do Concello de Ferrol, na que participaron miles de persoas. Hai que lembrar que alén das demandas por mor da carga de traballo e do dique, o persoal do sector naval tamén se está a mobilizar en contra da decisión da dirección de Navantia de facer seu o contido do Real Decreto Lei 20/2012 e suprimir a paga extraordinaria de nadal para o seu persoal.

Mentres a mobilización tiña lugar na Praza de Armas, membros do Comité e delegados das auxiliares continúan co peche indefinido no Concello de Ferrol, á espera de que a SEPI poña por fin data para a reunión da Comisión de Seguimento do Dique e explique os motivos polos que non ve viábel esta infraestrutura. Así mesmo, dende a representación do persoal reclaman á empresa pública que aclare os termos do contrato asinado con Pemex para a construción dun flotel, todavez que dende México non deixan de chegar novas contraditorias.

En calquera caso, a Sección Sindical da CIG destaca a necesidade da construción do novo dique para garantir o futuro dos estaleiros públicos na ría de Ferrol, reclama a busca de nova carga de traballo e que o goberno leve a Bruxelas a cuestión do levantamento político do veto á construción naval civil en Fene.

Así as cousas, os traballadores/as continuarán coas mobilizacións na defensa dun sector do que dependen máis de 17.000 empregos en toda a comarca.

Galería de imaxes das mobilizacións.

cig.prensa@galizacig.com