Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 28/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Diante do Hotel Os Escudos, en Alcabre.

A asemblea de parados do naval achega as súas demandas ao alcalde e teniente alcalde do Concello de Vigo

Concentráronse diante da inauguración dunha humanización dunha rúa de Caballero e dun acto de Domínguez en días alternos
A asemblea de parados do naval continúa achegando as súas demandas á cidadanía, co reparto masivo de follas informativas, e tamén quere que escoiten a súa voz aqueles que teñen responsabilidade nas institucións. Nese sentido, ao longo desta última semana de xaneiro realizaron dous actos: o primeiro foi o luns 25 nunha concentración fronte ao Hotel Os Escudos, onde tiña lugar un acto de promoción turística organizado pola tenencia de alcaldia, e a outra acción foi a de aparecer na inauguración da humanización dunha rúa en Balaídos, organizada pola Alcaldia.

Con dúas faixas que levan por lema: "Nós levantamos o naval, morreremos con el" e "Temos dereito ao traballo", perto de cincuenta desempregados do sector naval transmitían as súas demandas nestes dous actos, que tiñan como obxectivo que se escoitara a súa voz, tamén no concello de Vigo.

Numerosas mobilizacións

Despois das mobilizacións en Inspección, na Xunta, nos estaleiros de Barreras, Vulcano e Freire, e o reparto masivo de follas informativas á cidadania e noutros estaleiros da ría de Vigo, a asemblea de parados decidiu tocar na porta das institucións locais, e ese foi o obxectivo desta semana de mobilizacións.

Reunións a próxima semana

Deste xeito, conseguiuse que tanto na axenda do alcalde como na do teniente alcalde apareceran os parados do naval, e que se viran na obriga de fixar reunións con representantes deste colectivo para a próxima semana.

As demandas dos desempregados

A asemblea de parados do naval defínese como parados do sector naval na Bolsa de Emprego, que "queremos traballar e que se cumpra a contratación regulada na Bolsa. Pedimos ser contratados antes que calquera outro traballador que podan ser necesarios para traballar nos estaleiros, posto que levamos anos pertencendo ao sector, e porque se está incumprindo a disposición adicional V".

Engaden que coas súas reivindicacións non queren discriminar a ninguén senón que "todos os traballadores que traballen na provincia de Pontevedra teñan as mesmas condicións laborais e salariais que marca o convenio provincial".

Precarización do sector

Desde este colectivo informa que "se están traendo empresas de fóra con mán de obra máis baratas e con peores condicións laborais, polo que se está a precarizar o sector".

Por último, exixen "un posto de traballo digno, porque temos experiencia no sector e profesionalidade".  

cig.prensa@galizacig.com