Reproducimos a avaliación realizada pola CIG de Ourense:
A pesares da redución dos accidentes laborais en Ourense no pasado ano, que certamente celebramos, o panorama socio – laboral no que á seguridade e á saúde laboral se refire non ten sido alentador nos últimos tempos.
Malia a abundante lexislación, a cada vez maior intervención das partes implicadas, e a inmensa e incalculábel cantidade de cartos públicos que se destinan ás políticas preventivas, o número total de accidentes de traballo segue mantendo unha liña ascendente ano tras ano.
Unicamente podemos salientar este pasado ano 2009 como exemplo dunha redución significativa dos datos de sinistralidade, se ben non podemos establecer con certeza o impacto que o incremento do paro e os expedientes de regulación de emprego tiveron neste descenso.
Accidentes de traballo ocorridos en xornada laboral que causaron baixa da persoa accidentada (excluídos os accidentes in itinere)
|
Cualificación do Accidente |
2005 |
2006 |
2007 |
2008 |
2009 |
|
Leves |
3.919 |
3.983 |
4.369 |
4.388 |
3.559 |
|
Graves |
72 |
71 |
79 |
72 |
49 |
|
Mortais |
7 |
9 |
7 |
8 |
7 |
|
Totais |
3.998 |
4.063 |
4.455 |
4.468 |
3.615 |
Catorce anos despois da publicación da Lei de Prevención de Riscos Laborais, o incumprimento da mesma resulta intolerábel. Certo que as causas son variadas e que todos temos a nosa cota de responsabilidade. Pero non esquezamos que é o empresario quen ten que garantir a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras.
Tampouco podemos deixar de mencionar a actitude de excesiva permisividade por parte de quen ten o poder inspector e sancionador. A eficacia das medidas adoptadas para diminuír os accidentes e as vítimas de tráfico nada ten que ver coa implicación da Inspección de Traballo e da Fiscalía no campo da prevención.
Pero o panorama é aínda máis grave se falamos de enfermidades que se adquiren no traballo, por falla de medidas de seguridade e protección, e que moitas veces pasan totalmente inadvertidas e camúflanse como enfermidades comúns que son atendidas polo sistema público de saúde.
Datos como os que temos coñecido recentemente sobre o impacto da silicose no sector da lousa, unicamente se explican asumindo que teñen orixe na falla de medidas de seguridade e na nula vixilancia da saúde levada a cabo polas mutuas e os servizos de prevención.
O papel das mutuas ten sido o de auténticas empresas con ánimo de lucro, que priman o beneficio sobre a asistencia e as prestacións, converténdose, co beneplácito das autoridades laboral e sanitaria, en auténticos axentes privatizadores da Seguridade Social.
Desde a CIG seguimos pedindo unha maior implicación da Fiscalía e da Autoridade Laboral, polo que reclamamos novamente que se convoque novamente a Mesa de participación en materia de sinistralidade laboral, na que interveñen a Inspección de Traballo, a Consellería, a Fiscalía e as organizacións sindicais, que foi desactivada coa entrada no goberno do Partido Popular. É hora que a Delegación da Xunta en Ourense asuma as súas competencia nesta materia e conte coas organizacións que representamos aos, ao fin e ao cabo, prexudicados e vítimas dos accidentes: os traballadores.
Etelvino Blanco, Secretario Comarcal da CIG-Ourense.