Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 28/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os bombeiros ocupan a Deputación de Pontevedra reclamando que os servizos de emerxencia sexan públicos

Trasladáronlle as súas demandas ao presidente da Deputación Rafael Louzán
Ás once e media da mañá ducias de bombeiros chegados de boa parte do país presentaban diante do Rexistro da Deputación un escrito no que se resumían todas as súas demandas, expresando deste xeito a súa desconformidade coa precariedade existente nas emerxencias, que son un servizo esencial para a comunidade e cuxa xestión está en mans de empresas privadas. Despois de presentar este escrito ocupaban estas instalacións até que foron atendidos polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

Asembleas ao longo e ancho do país e unha manifestación na Coruña prevista para o 29 de xaneiro que rematará na Deputación provincial son unha mostra dos actos programados para a nova etapa de mobilizacións dos bombeiros dos parques comarcais. Dentro destes actos tamén tiña lugar a acción sorpresa do 28 de xaneiro na que bombeiros dos parques comarcais decidían chegar as súas demandas até a Deputación de Pontevedra.

Demandas presentadas

O escrito que presentaron sinalaba o seguinte:

"Os sindicatos entendemos que uns servizos tan sensibles e importantes como son os de emerxencias, deben contar con profesionais perfectamente cualificados, preparados e profesionalizados, regulados por lei, deben ser públicos e suficientemente dotados para dar plena garantía de funcionalidade ante calquera situación de emerxencia que se poida dar na nosa Comunidade e non como pretenden, uns servizos insuficientes, pouco preparados e en mans de empresas privadas de servizo, que o único que buscan é o seu beneficio.

Unha lei de emerxencia propia con enormes carencias e lagoas permite, xunto coa insensatez dos políticos governantes, que se poida instaurar en Galiza un modelo de xestión das emerxencias baseado na rendibilidade e no negocio de empresas que obteñen a súa concesión sen garantías de ningunha clase.

Emprazamento á Deputación Provincial

CCOO, CIG e UGT emprazan á Deputación Provincial e ao seu presidente a defender, negociar e implantar en toda a provincia uns servizos de emerxencias públicos, modernos e solventes, que garantan a independencia da súa actuación e afasten deles toda sospeita de instrumentalización por parte de empresas privadas".

 

 

cig.prensa@galizacig.com