Con esta acción, os comités queren denunciar a hipocrisía da Xunta de Galiza, que inviste cantidades millonarias en promocionar o Xacobeo como alternativa económica e xeradora de emprego, mentres nin sequera executa os orzamentos previstos para SEAGA neste ano, 2010. Estes orzamentos permitirían realizar o investimento necesario para contratar persoal suficiente e manter os postos de traballo de persoal de servizos agropecuarios e forestais.
Abandono do medio rural desde a administración
Os comités de SEAGA denuncian tamén o abandono ao que se está abocando ao medio rural desde a administración, o que pode repercutir gravemente nun incremento dos incendios forestais durante este verán, ao non se pór en marcha as tarefas de prevención, limpeza, desbroce, recollida de madeira, repoboacións...
Tamén denuncian o recorte dos servizos aos gandeiros, desde veterinarios até atención telefónica (CIAG).
Os comités consideran que esta política de desmantelamento progresivo dos servizos que até o de agora viña prestando SEAGA teñen como obxectivo último a súa privatización. Unha política semellante á que se está a desenvolver con outros servizos públicos e entes adscritos á administración.
Desde os comités anuncian que as mobilizacións continuarán nos vindeiros días.