Xoane, que pertencía ao Grupo Pérez Leirós é unha empresa de fabricación de mobles de cociña, fundamentalmente, cunha longa traxectoria en O Porriño. Malia dar sempre importantes beneficios, hai un ano os traballadores tiveron que aceptar un ERE durante o cal a empresa non tomou ningún tipo de iniciativa encamiñada a reconducir unha situación, en boa parte orixinada pola súa dependencia do sector da Construción, abandonando outros mercados.
Pola contra, segundo explica Alberto Fernández Campo, secretario comarcal da federación da Construción e Madeira da CIG, “mentres durou esta situación, a propia empresa incorporou ao cadro de persoal a parentes dos propietarios, sen xustificación e sen que se lles recoñeza actividade produtiva de ningún tipo”.
A situación vén de agravarse logo de que, segundo denuncian os traballadores, a empresa manipulara os datos para xustificar unha suposta falta de pedidos e conseguir que a Inspección de Traballo acepte a proposta de ‘Xoane’ de rescindir 25 contratos. Moitos dos traballadores desta empresa levan máis de 20 anos traballando na mesma e con idades nas que a inserción laboral noutras actividades vai resultar complicada, máis nunha época na que os empregos escasean.
Os traballadores culpan á dirección de querer readaptar a actividade, aproveitándose das facilidades existentes para proceder a despedimentos baratos, malia acumular importantes beneficios durante anos.
Esta situación está a provocar unha importante conmoción e malestar na localidade de O Porriño, debido á tradición da empresa na zona e a que todos os traballadores son veciños da comarca.
Fernández Campo asegura que, de non variar as perspectivas e se a empresa persiste na súa actitude, continuarán as mobilizacións .