Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/10/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG considera moi grave que por vez primeira, segundo a EPA, baixe a ocupación en Galiza no III Trimestre

Descende o número de ocupados, increméntase a taxa de paro e elévase a precariedade, o que evidencia o fracaso das sucesivas medidas impostas, nomeadamente a reforma laboral
Os datos da EPA revelan o grave deterioro do mercado laboral. Por vez primeira descende no III Trimestre a ocupación, cando se trata dun período que colle os meses de verán, onde sempre se constatou un aumento do número de ocupados/as. Tal é así, que con respecto ao mesmo trimestre do ano 2008, que foi cando comezou a sentirse a crise en Galiza, o número de ocupados descendeu en 127.000 persoas, pasando de 1.214.500 a 1.087.000. O número de ocupados diminuíu tamén respecto do II Trimestre deste ano, en 4.400 persoas.

Para o secretario confederal de Emprego e Industria, Antonio López Rivera, a falta de investimentos das administracións públicas para apoiar os sectores produtivos, ou sexa, a economía real; o colapso do sistema financeiro, que segue sen facilitar o crédito ás PEMES e as sucesivas reformas laborais que se foron impoñendo desde que comezou a crise son as que están a provocar, en Galiza, esta grave situación do mercado laboral.

“As taxas de paro e de ocupación, o elevadísimo nivel de desemprego entre os máis novos e o incremento da temporalidade evidencian, como advertía a CIG, o fracaso destas medidas e a necesidade de que se apliquen políticas alternativas, como as que vén demandando a nosa central sindical desde que comezou a crise”, sinala.

A taxa de paro, segundo a EPA, é do 17,2%. Aumentou 2,3 puntos respecto do mesmo trimestre do ano 2010, cando estaba no 14,9% e 0,5 puntos respecto do trimestre anterior.

O número de parados ascende así a 226.500, experimentando un incremento do 3,1% respecto do trimestre anterior e un 16% respecto do mesmo trimestre do ano anterior.

A ocupación descende fundamentalmente na Construción, un 3,7% e no sector Servizos un 0,6% e experimenta un incremento do 0,5% na Industria. O descenso afecta sobre todo ás provincias de Ourense e Pontevedra, mantense en Lugo e experimenta un lixeiro incremento na Coruña.

Porén, para a CIG é de salientar que na provincia de Pontevedra, onde está o sector industrial máis potente do país, “a ocupación na Industria descende nun 3,1% o que denota a crítica situación que atravesan, sobre todo na comarca de Vigo, os sectores de naval e automoción, explica López Rivera.

Temporalidade

Para o secretario confederal de Emprego e Industria, tamén é especialmente grave o descenso, nun 1,9%, do número de asalariados con contrato indefinido e o incremento no 5,1% dos temporais, elevando así a taxa de temporalidade nun 1,3%.

“Esta situación pon en evidencia o fracaso da reforma laboral, que nin favoreceu a creación de emprego, nin que este fose de calidade. Todo o contrario, descende o número de ocupados, increméntase a taxa de paro e elévase a precariedade laboral”, di.

Denuncia, ademais, que a falta de medidas por parte dos gobernos que permitan darlle a volta a esta situación está a provocar o empobrecemento da poboación e que cada vez haxa máis persoas en risco de exclusión social. Tal é así, que xa hai en Galiza 65.000 familias con todos os seus membros no paro, 7.100 máis que no trimestre anterior.

A situación tampouco mellorou para os menores de 30 anos, malia ampliarse até esa idade os contratos lixo de formación. De feito, entre os galegos máis novos a taxa de paro máis que duplica a media.

cig.prensa@galizacig.com