A manifestación saíu contra as 21:00 horas da Praza Roxa e percorreu o centro da capital de Galiza para rematar na Praza de Cervantes. Durante o percorrido reclamaron, entre asubíos, gaitas e trompetas “liberdade de expresión”; denunciaron o uso que, desde o goberno, se fai dos medios públicos con sonoros “TVG ao servizo do PP”, o desmantelamento dos servizos públicos, coreando “o público é servizo, o privado beneficio” ou as políticas de recortes de dereitos laborais coas que se pretende facer pagar a crise aos traballadores/as, con consignas como “non, non, non, a precarización”.
Na Praza de Cervantes emitíronse, nunha pantalla xigante, declaracións de persoeiros do mundo da cultura en defensa dos medios públicos, nas que deixaron constancia da súa importancia para informar do que ocorre en Galiza, desde Galiza e en galego, pero tamén para crear país.
Carlos Blanco, con máis seriedade que de costume, alertou das graves consecuencias que terán as políticas de recortes que, aproveitando a crise económica, se veñen adoptando e o perigo de que a situación empeore aínda máis para as traballadoras e traballadores se o 20-N gaña o PP.
O acto rematou coa lectura do manifesto por parte dun grupo de xornalistas da radio e da televisión que apareceron inicialmente enmascarados, para denunciar as represalias da dirección da CRTVG contra dous dos xornalistas que participaron nunha das primeiras concentracións convocadas, e que finalmente quitaron as caretas para reclamar liberdade de expresión.
Unha televisión galega, en galego e para os galegos/as
O manifesto denuncia que coa nova lei, no canto de favorecer a independencia da CRTVG do goberno, afóndase no control político da información e que o modelo que se pretende impor pon en perigo, ademais, a partición da cidadanía na vida política, cultural e social do noso país.
Sinala que a TVG é a segunda cadea máis vista en Galiza, só superada por RTVE, que emite a través de catro canles (TCG, G2, TVEuropa e TVAmérica) e tres de radio (Radio Galega, Radio Galega Música e Sons Galicia Radio).
Alerta de que a televisión pública “é o motor dun audiovisual galego” exportador de éxitos como Mar Adentro ou Mareas Vivas e é tamén “a nodriza de tantas pequenas produtoras que conforman un tecido empresarial que dá emprego a máis de 3.000 persoas”.
Respecto do emprego, o manifesto denuncia que xa agora se vulnera a legalidade en materia laboral e que nos xulgados galegos hai máis de 300 demandas presentadas por traballadores/as, e que as sentenzas estanlles dando a razón.