Co 91,22% de votos a favor, o novo Comité Executivo de ELA iniciaba a súa andaina o 27 de novembro, con Alfonso Muñoz á fronte da Secretaría Xeral, e Amaia Muñoa na Secretaría Xeral Adxunta. No XII Congreso de ELA participaron 736 delegados e delegadas procedentes das 12 comarcas e das 4 Federacións, ademais dos 36 membros do Comité Nacional, que marcaron as liñas de actuación do sindicato para os vindeiros catro anos.
O congreso contou coa participación de 40 organizacións convidadas, entre as que se atopaba a CIG, que recibiu unha moi boa acollida no momento das saúdas. Posteriormente, o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo realizou unha intervención que mereceu unha ovación unánime dos asistentes e en varias ocasións tivo que interromper o seu discurso por mor das aplausos que viñan das butacas.
O Secretario Xeral da CIG centrou a súa intervención na cuestión da crise económica, aínda que non esqueceu ofrecer unha pequena homenaxe a Jose Elorrieta. Seixo afirmou que “non estamos dispostos a aceptar que este é o único e mellor sistema posíbel” e animou aos/ ás compañeiros/as presentes a loitar por un sistema socioeconómico novo ao servizo dos intereses da clase traballadora.
“Os cambios non van vir da man nin do G8, nin do FMI, nin do Banco Mundial, nin das mesas de diálogo social, convertidas en mercadeo de intereses das organizacións que as conforman”, afirmou, nun discurso que non escatimou críticas ás actuacións gobernamentais a respecto da crise económica e do sistema neoliberal.
Actuacións sindicais
Durante o Congreso non se produciron grandes modificacións estatutarias e centrouse á atención na consideración de que o diálogo social está morto e o camiño que queda a ELA é exercer o “contrapoder”.
A accións sindical de ELA para os próximos anos estará centrada no tema da negociación colectiva e tamén se lle concede gran importancia ás cuestións organizativas. Outro aspecto que se abordou no Congreso é o que ten que ver coas institucións públicas, tanto o referido aos Servizos Públicos como á Fiscalidade.
Dende a central vasca fíxose gran énfase no deterioro das condicións laborais e da progresiva privatización dos servizos públicos, dous puntos a enfrontar.