marco
A Coruña, 28/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Dores Martínez foi a encargada de realizar a saúda inicial.
A Mesa Presidencial.
O acto de clausura contou coa presenza de múltiples convidados.
Elvira Patiño, Secretaria de Organización da CIG.
A V Asemblea rematou co himno galego.

Paulo Carril, reelixido Secretario Comarcal da CIG de A Coruña co 92% dos votos

Este sábado celebrouse a V Asemblea Comarcal, na que tamén se escolleu a nova Executiva e os membros para o Consello Confederal
Este sábado, a V Asemblea Comarcal da CIG de A Coruña volvía elixir a Paulo Carril como Secretario Comarcal, ao acadar a súa candidatura 172 dos 187 votos emitidos polos delegados e delegadas que participaron no proceso. Así mesmo, quedou aprobado por unanimidade o Informe de Xestión presentado pola Executiva saínte, no que se reflicte o importante incremento da representatividade e do número de afiliados/as rexistrado nos últimos catro anos.
A nova Executiva Comarcal.

Pouco despois das nove da mañá deste sábado 28 de novembro comezaban a chegar ao Paraninfo da Maestranza os/as congresistas que ían participar na V Asemblea Comarcal da CIG de A Coruña para elixir ao novo secretario comarcal, á Executiva e aos membros que representarán á comarca no Consello Confederal, máximo órgano de goberno da central nacionalista. Así mesmo, o acto contou coa presenza dun nutrido grupo de convidados.

A secretaria de Organización, Dores Martínez, foi a encarga de ler a saúda inicial desta V Asemblea, que se desenvolveu baixo o lema “Por un novo sistema económico e social, polo Dereito a Traballar na Nosa Terra”. A continuación da que se procedeu ao debate e votación do Informe de Xestión.

A nova Executiva Comarcal está formada por:

-Paulo Carril Vázquez.

-Dores Martínez Castelo

- Xosé Lois Seixo Fernández

-Ana Fernández Faia

-Rosa Paz Seco

-Eduardo Caamaño Lestón

-Roberto Tizón Miguens

En canto ao Consello Confederal, os membros da CIG de A Coruña que formarán parte deste órgano son:

- Paulo Carril Vázquez

-Dores Martínez Castelo

-Xosé Lois Martín Freire

-Alfredo Bocija Serantes

-Roberto Pérez Vila

-Victorino Ares Prado

- Rosa Paz Seco

-Indalecio López Rodríguez

- Encarna Muíño Fernández

-Xabier Santos Canosa

-Henrique García Vázquez

-Erea Estévez Campos

Votación do Informe de Xestión

O Informe de Xestión, que foi aprobado por unanimidade, parte da análise da situación económica e sociolaboral da comarca de A Coruña, caracterizada polo actual momento de profunda crise económica, xerado na base dunha economía especulativa, dun excesivo peso do sector da construción e servizos e nun progresivo desmantelamento do sector industrial e agropesqueiro. A implantación de novas áreas comerciais segue a ser unha constante, así como a destrución do sector industrial e a xeración dun emprego eventual e de precariedade.

Con especial preocupación vese o feito de que a contratación indefinida a xornada completa só acada o 9,53% do total, e tende a diminuír dende o 2006, mentres que a contratación temporal a tempo completo ocupa o 58.98% e a tempo parcial o 26.12%, nunha comarca que soporta case o 49% do índice de desemprego da provincia. A maiores, a situación de crise económica veu agravar estas cifras, e tan só no primeiro semestre de 2009 rexistráronse 2.634 expedientes autorizados na provincia.

Forte contestación sindical

No Informe da Executiva destácase a intensa actividade sindical levada a cabo nestes anos, nos que se deu resposta ao deterioro dos dereitos laborais da clase traballadora e á destrución do emprego dende a mobilización, pero tamén cunha alta capacidade negociadora e de chegar a acordos sen caer no pactismo e o entreguismo sindical.

A actuación sindical da CIG tivo permanente actualidade e presenza na rúa e nos diferentes centros de traballo da comarca na defensa do emprego, a prol da negociación colectiva ou contra da represión sindical e laboral. Nesta loita, a convocatoria regular de asembleas xerais de delegados e delegadas serviu para dotar de maior capacidade de actuación á central sindical nos centros de traballo.

Canto ás actuacións sindicais, saliéntanse os casos de empresas como Mafecco, Fadesa, Eurocen, Caramelo, a fábrica de Armas, o conflito dos mariscadores/as da Ría do Burgo, da industria auxiliar do carbón de Meirama, etc.

Camiñando cara a consolidación como segunda forza sindical

A respecto dos avances na consolidación da CIG, dende o 2004 o crecemento da afiliación foi unha constante, pasando dos 8.531 afiliados/as aos 12.000. Ademais, a central ten rexistrado un importante incremento na representatividade sindical, pasando a ser a segunda forza na Galiza, a tan só 2,8 puntos de UGT.

A nivel comarcal, a CIG ten conseguindo medrar en 200 delegados e delegadas e nun 3,85% de representación, chegando así aos 1.030 delegados/as. “Somos a primeira forza sindical nas empresas de máis de 250 traballadores/as, en diferentes federacións, así como na Unión Local de Cee”, sublíñase no Informe da Executiva.

Diante destes resultados, a CIG de A Coruña márcase como obxectivo converterse na segunda forza sindical na comarca, para o que se fará necesario intensificar o traballo, manter o ritmo e a constancia nas visitas ás empresas, corrixir a falla de participación e reforzar o papel das Unións Locais de Cee e Carballo.

No Informe da Executiva tamén merece un apartado a cuestión dedicada á Saúde Laboral, aspecto esquecido en moitas das empresas da comarca. Neste senso, durante os últimos catro anos a CIG de A Coruña comezou a reforzar as respostas diante de graves accidentes laborais, mesmo de carácter mortal como ten acontecido nas obras de Punta Langosteira, a través da Inspección de Traballo, pero tamén mediante mobilizacións e concentracións de protesta.

Candidatura única

Logo do debate do Informe de Xestión e da aprobación das propostas de resolución presentadas polas Federacións, ambos co respaldo unánime dos/as congresistas, procedeuse á presentación das candidaturas para a Secretaría, a Executiva Comarcal e o Consello Confederal, encabezadas as tres listas únicas por Paulo Carril. Obtendo a candidatura á Secretaría Comarcal 172 votos a favor dos 187 emitidos (91,9%), mentres que a lista da Executiva obtivo o respaldo de 171 delegados/as dos 187 que emitiron o seu voto (91,4%).

En canto ao Consello Confederal, a lista contou con 167 votos a favor, mentres que 20 papeletas foron en branco. No caso da Secretaría, os votos en branco sumaron 15 e no da elección da Executiva foron 16. 

Un futuro de intenso traballo

Na súa intervención de clausura, o reelixido Secretario Comarcal subliñou o “intenso traballo que agarda á CIG no futuro” diante da situación de grave crise económica que padecemos. Non obstante, apuntou que a existencia dunha candidatura única baseada na unidade “multiplica a capacidade de resposta ás necesidades da clase traballadora”. Neste senso, afirmou que a central nacionalista ten que desenvolver un sindicalismo que ofreza alternativas que garantan a consecución dun novo modelo económico e social e loitar pola defensa do emprego no noso País.

Por iso, non dubidou en criticar con dureza as medidas e políticas adoptadas con respecto ao sistema financeiro que teñen “reafirmado o actual modelo especulativo, pretendendo cercenar as competencias das Autonomías. Dende a CIG demandamos unha caixa pública galega e unha nova lei de caixas”.

“Dende os Pactos da Moncloa até hoxe asistimos a unha sucesión de reformas laborais que só trouxeron desregulación e flexibilidade, causando a destrución do emprego, o empobrecemento da clase obreira, o abaratamento do despedimento e un continuo recorte de dereitos e servizos públicos”, aseverou Carril.

Fronte a isto, Carril avogou por unha acción sindical forte nos centros de traballo e por artellar alternativas que permitan á clase traballadora saír da crise nas mellores condicións.

Propostas de resolución

Previamente ao discurso de clausura por parte do reelixido secretario comarcal, leváronse a votación toda unha serie de propostas trasladadas dende as Federacións a respecto da actuación político-sindical e de organización da CIG para os vindeiros catro anos, de cara a acadar un novo sistema económico e social, que garanta o benestar da clase traballadora e que faga real o lema desta Asemblea: o dereito a traballar na Nosa Terra.

Algunhas das propostas presentadas refírense á necesidade de reclamar un Plano de Industrialización e Emprego para a comarca, un programa específico de infraestruturas e comunicacións, a defensa clara do noso idioma e o compromiso co País, a importancia da negociación colectiva como ferramenta central da acción sindical, ou a priorización da defensa da Saúde Laboral.

Galería Gráfica 

Podes ver máis imaxes da V Asemblea Comarcal visitando a sección multimedia da nosa web.