Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 28/12/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Servizos de Ferrol lamenta a actitude adoptada por un grupo de persoas durante a folga de instalacións deportivas

Increparon e agrediron aos traballadores/as que secundaban os paros
A CIG-Servizos de Ferrol lamentou a actitude mantida por un grupo de persoas e membros do Clube de Natación da cidade durante a folga levada a cabo polos traballadores/as de instalacións deportivas entre os días 19 e 22 de decembro en demanda dun convenio digno. Ditas persoas, segundo informan dende a Federación, non dubidaron en increpar e agredir aos folguistas durante os paros. Así mesmo, critican a tardanza da policía local, á que tiveron que avisar para levantar acta por vulneración do dereito á folga, e agradeceron a colaboración da gran maioría dos usuarios/as dos centros durante as catro xornadas de paros.

A Federación de Servizos da CIG de Ferrol lamentou o contraste da actitude mantida por membros do Clube de Natación durante as xornadas de folga dos traballadores e traballadoras de instalacións deportivas de Galiza coa solicitude amosada o pasado ano cando organizaron unha recollida de sinaturas e apelaron á colaboración do persoal para “evitar que lles quitaran as rúas da piscina municipal de Caranza, e os nenos puideran seguir entrenando”, a pesar de que a intención última era conservar a concesión da piscina.

“Entendemos a súa postura, pero é triste, vergoñento e dunha frivolidade que amedrenta, explicar que os traballadores e traballadoras que están en I.T. pasan a cobrar 400 €, e che contesten que por culpa nosa non poden estrear o seu bañador de 300 €,  mercado especialmente para unha competición que se atrasou, non se anulou, pola folga”, critícase no comunicado da CIG-Servizos.

Neste senso, lembran que os primeiros afectados pola folga son os traballadores/as, xa que os días de paro se lle descontan dos salarios e da cotización á Seguridade Social, e que cando se recorre a esta medida é porque todas as demais vías de negociación se teñen esgotado e non existen saídas.

Insultos e ameazas

A respecto dos feitos acontecidos o pasado luns 21 de decembro, a Federación de Servizos sublima que “non deixamos de sentir vergoña allea, cando os pais e nais que se foron congregando desde as 16 horas, comezaron insultar á clase obreira, ameazándonos e incluso agredíndonos, cando o único delito do que nos poden acusar é de defender o noso pan e o dos nosos fillos dunha forma pacífica e completamente pasiva”.

Así mesmo, lembran que a Policía Nacional abriu un corredor aos usuarios/as para poder acceder ao recinto tres horas despois, pero tamén que a mesma Policía tivo que garantir a seguridade dos folguistas, pois “entre  pais e nais e “nenos” ( algúns estudan na universidade) eran cento e pico e nós éramos 15. Por si fora pouco tivemos que aturar insultos, gargalladas e acenos pouco afortunados, cando estes entraron na instalación deportiva”.

“É triste ver este comportamento entre a xente adulta, pero ver como utilizan aos seus fillos de escudo para agachar as súas frustracións e aproveitando para comportarse como auténticos energúmenos/as non ten Nome”, laméntase dende a CIG-Servizos de Ferrol.

Vulneración do dereito á folga

Dende a Federación da CIG criticouse a demora da Policía Local, que tardou dúas horas e media en chegar á piscina onde estaban ocorrendo os feitos descritos e deixou sen atender doce chamadas logo do primeiro requirimento dos traballadores/as en folga.

O persoal tivo que chamar á Policía Local para levantar acta pola carencia de calendario laboral e de servizos mínimos na instalación, así como porque o traballador pertencente ao Padroado de Deportes do Concello permaneceu no posto durante 45 minutos máis do que se lle correspondía, suplantando á persoa que tiña que realizar esa quenda (e que estaba en folga), vulnerándose así o dereito á folga.

Ademais, a piscina non podería estar aberta, dado que non había persoal de mantemento, aínda que “o Clube traia os seus socorristas”.

A CIG-Servizos advirte que se van tomar as medidas oportunas e que se continuará a loita da beira dos traballadores/as por un convenio digno. A maiores, agradeceron a todos os usuarios e usuarias a colaboración prestada e “dicirlles que seguimos contando con eles porque son unha parte fundamental para nós”.

cig.prensa@galizacig.com