Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 28/12/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Nova mobilización do persoal da antiga CxG Gestión Operativa en demanda dun compromiso de futuro

O Comité e delegados/as da CIG levaron a cabo unha concentración diante da Oficina Principal de Caixa Galicia en A Coruña
Traballadores da antiga CxG Gestión Operativa e delegados/as da CIG desenvolveron unha nova concentración diante da Oficina principal de Caixa Galicia en A Coruña para demandar garantías para a continuidade do emprego e das condicións laborais na filial da entidade financeira, recentemente adquirida pola multinacional HP. Baixo a consigna "Os negocios de Méndez, que non os paguen os inocentes", a central e o Comité advertiron que as mobilizacións continuarán até que ambas empresas acheguen compromisos de futuro para os traballadores/as.

Dende o Comité de empresa e a CIG-Banca reclámase a Caixa Galicia e Hewlett-Packard que senten a negociar un acordo no que se comprometan a garantir o mantemento dos empregos e das condicións laborais dos máis de 100 traballadores/as da antiga CxG Gestión Operativa, máis alá do remate do convenio actual en 2011. Non obstante, nin a entidade financeira nin a multinacional teñen intención de negociar e tan só responderon ás demandas do persoal cunha declaración de intencións de manter o servizo, pero sen pronunciarse sobre o emprego e esquecendo as condicións laborais que de feito existen na empresa.

En outubro, Caixa Galicia anunciou a venda da auxiliar CxG Gestión Operativa, encargada da xestión dos servizos centrais administrativos da entidade, á multinacional americana Hewlett-Packard. Venda que se fixo efectiva o pasado 1 de decembro.

O persoal de CxG Gestión Operativa, actualmente denominada Hewlett-Packard Procesos de Negocios, continúa realizando a xestión administrativa de Caixa Galicia e da súa actividade depende que os clientes da mesma cobren as súas nóminas, as súas pensións ou reciban as facturas da luz puntualmente. A auxiliar é parte esencial do funcionamento da Caixa e o 100% da carga de traballo de CxG procede dela dende os últimos 22 anos. Por iso, dende o Comité tamén se alerta do risco que supón esta transacción non so para a continuidade dos postos de traballo, senón para o mantemento da calidade dos servizos achegados pola caixa aos clientes, xa que a actividade de CxG resulta primordial.

Continuarán as mobilizacións

A CIG e o Comité xa desenvolveron unha anterior concentración de delegados/as, o día 2 de decembro, sen que se avanzara na negociación e se comprometeran garantías para mantemento do emprego. A isto hai que lle engadir agora, o intento por parte da empresa de dividir ao cadro de persoal para que se enfronte ao Comité de Empresa e á CIG. Dende a central xa se advertiu a Caixa Galicia e a HP que as mobilizacións continuarán mentres non se acheguen garantías sobre o futuro dos traballos.

cig.prensa@galizacig.com