Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 28/12/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A “comitiva fúnebre” pola morte do Santiago Apóstolo leva a defensa deste servizo público polas rúas de A Coruña

Uns 30 vehículos participaron na caravana de coches convocada pola CIG e UGT contra a privatización e a amortización de empregos
Arredor de 30 vehículos e uns 90 traballadores e traballadoras do centro de educación especial Santiago Apóstolo participaron, o pasado xoves 23 de decembro, na caravana convocada pola CIG e UGT polas rúas de A Coruña en defensa deste servizo social público e dos 19 empregos que a Xunta pretende amortizar.

A caravana, que partiu sobre ás 11 horas das instalacións do centro educativo, estivo encabezada por un vehículo que portaba un ataúde, símbolo, explica o colectivo de traballadores/as, do que pretende a Consellaría de Traballo e Benestar: desmantelar o Santiago Apóstolo “até que morra”.

Ademais, o futuro do centro continúa nunha situación de total incerteza logo de que a Consellaría de Educación dese marcha atrás no acordo acadado con Traballo e Benestar para que o centro pasase á depender desta primeira.

Os traballadores e as traballadoras xa advertiron que continuarán adiante coas protestas “porque é a única maneira de que o Santiago Apóstolo siga vivo” e que a Consellaría de Traballo e Benestar asuma a atención dos usuarios e usuarias máis alá dos 24 anos e abra o centro de día e a residencia para adultos baixo xestión pública.

O Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo, dependente da Consellaría de Traballo e Benestar, atende dende hai 34 anos a persoas con discapacidade intelectual, dende os 3 aos 24 anos. Este centro proporciona a atención educativa e asistencial que precisas aquelas persoas con discapacidade que non poden ser integrado nos centros de educación ordinarios.

Non obstante, todos os avances acadados polos usuarios e usuarias durante o tempo no que reciben atención no Santiago Apóstolo, quedan truncados unha vez cumpre os 24 anos, xa que o centro non admite a persoas maiores desa idade. Para as familias isto significa que o fillo ou filla teña que volver ao fogar e non poida dispor de servizos alternativos e a atención especializada axeitada ás súas necesidades.

Por iso, traballadores e centrais sindicais apostan porque o futuro deste centro pase por incrementar  oferta de servizos (centro residencial, centro de día, centro ocupacional, etc.) para os usuarios e usuarias maiores de 21 anos, mantendo a xestión pública do mesmo, o persoal especializado existente e adecuando as instalacións ás novas necesidades.

cig.prensa@galizacig.com