Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 28/12/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Medio cento de delegados/as da CIG-Servizos ocupan a sede de Linorsa en Vigo para esixir a readmisión das 12 despedidas

Dende a central nacionalista denuncian as represalias da concesionaria da limpeza dos colexios públicos por participar nunha folga
Arredor de medio cento de delegados e delegadas da federación de Servizos da CIG ocuparon esta mañá as oficinas da empresa Linorsa, na estrada do Vao, para reclamar a readmisión de 12 traballadoras. Dende a central nacionalista denuncian que a concesionaria da limpeza dos colexios públicos de Vigo tomou a decisión en represalia por teren participado nunha folga convocada na compañía.

A acción de protesta comezou ás 11.00 horas co acceso pacífico ao interior das instalacións de Linorsa. Arredor das 12.45 horas poñíase fin á ocupación despois de que a Policía española se achegase ao lugar e identificase ao secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido. Durante ese tempo non se produciron incidentes, a pesar da actitude provocadora dalgúns dos empregados/as das oficinas da concesionaria municipal.

Dende a central nacionalista explicaron que coa mobilización pretenden denunciar que a compañía segue negándose a readmitir ás 12 despedidas -entre elas unha delegada do comité de empresa cuxo despedimento foi declarado procedente, decisión que foi recorrida- a pesar das xuntanzas mantidas entre as partes na Inspección de Traballo. Neste senso, a secretaria comarcal da CIG-Servizos, Transi Fernández, adiantou que se atopan á espera dunha resolución da autoridade laboral sobre as denuncias presentadas por presuntas irregularidades na contratación de persoal.

Ao mesmo tempo, Fernández criticou que ningún responsábel da empresa amosou dispoñibilidade ao diálogo durante a ocupación e anunciou que as mobilizacións continuarán nas vindeiras semanas. Neste senso, lembrou que até hai días mantiveron concentracións diarias ás portas da empresa.

cig.prensa@galizacig.com