Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/12/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Sermos Galiza aborda a fase final de capitalización

Restan 15.000 euros, que queren reunir até o 31 de decembro
Sermos Galiza, a iniciativa social que impulsiona a creación dun diario dixital e dun semanario en papel, e que acordou apoiar a CIG, está a completar o proceso de capitalización. Restan apenas 15.000 euros para alcanzar o obxectivo previsto de 300.000 euros de capital social, obxectivo que se quere lograr antes do 31 de decembro. Sermos Galiza prevé a constitución da sociedade no mes de xaneiro de 2012 e o comezo da actividade no Primero trimestre do próximo ano.

Segundo o Grupo Promotor continúa a ser preciso, por tanto, o compromiso activo de todas as persoas que partillan a necesidade da existencia dun medio galego e alternativo, quer para completar o capital social, quer para se tornar subscritor@s do semanario. Para facelo, pódese acceder a toda a información precisa na súa páxina web sermosgaliza.com

Sermos Galiza optou desde o inicio por unha empresa social, por un proxecto aberto e plural, construído desde abaixo e apoiado nas/os lectoras/es. Un proxecto que buscaba a implicación activa da cidadanía máis consciente. Por iso afirman que como proxecto colectivo é xa un rotundo éxito: 750 accionistas, que son a mellor garantía de solidez e continuidade do medio.

O Grupo Promotor asegura que “embora as dificultades económicas, a masiva participación demostra ás claras que a necesidade dun medio en galego é unha evidencia sentida largamente. A cada día que pasa a ocultación e a manipulación dos medios do establishment contribúen para sumar razóns e vontades á nosa causa”.

Sermos Galiza quere construír un medio libre, crítico, galego e en galego, que teña o seu foco de atención informativa no noso País, e que non dependa das axudas públicas ou da publicidade comercial. Un medio influente, con capacidade de chegar a amplos sectores da sociedade e que dea conta, para alén da actualidade política institucional, do acontecer social, sindical, cultural ou ambiental e se faga eco do inestimábel labor que asociacións, colectivos ou persoas individuais desenvolven nestes como noutros campos. E aínda, que nos achegue na nosa lingua, sen mediatizar nin deturpar, a información do que acontece polo mundo fóra.

O Grupo Promotor entende que un medio destas características só pode sustentarse nos lectores e lectoras. Por iso apela a todas as persoas que compartillan a necesidade deste proxecto a se implicaren directamente “porque é de tod@s @s que quixeren facer parte del”.

Lembran o nº de conta: 2080 0319 69 3040016966 (NGB) e chaman ás persoas que xa tiveren decidido tornarse accionistas de Sermos Galiza a non demorar en facelo, pois queren cerrar a fase de capitalización reunindo os 15.000 euros que faltan neste ano 2011.

cig.prensa@galizacig.com