Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Mesa alerta da situación na que se atopa o galego e chama a participar na manifestación do vindeiro 18 de maio

70 colectivos xa deron o seu apoio ao manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego”
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo día 18 de maio, tras alertar da grave situación na que se atopa o galego. Carlos Callón, presidente da asociación presentou ademais o material gráfico da campaña “Polo dereito a vivirmos en galego”

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de presentar os soportes gráficos para a campaña “Polo dereito a vivirmos en galego”, coa que se quere animar toda a cidadanía a participar na manifestación nacional que se celebrará, con este mesmo lema, o vindeiro 18 de maio. En total, na campaña previa vanse repartir 20.000 cartaces, 10.000 adhesivos, 5.000 adhesivos para automóbiles e 10.000 folletos.

 

O presidente da Mesa, Carlos Callón, informou de que setenta organizacións e colectivos xa teñen enviado o seu apoio ao manifesto e que cada día chegan novos apoios, “o cal nos fai agardar unha mobilización cunha grande participación”. Así mesmo, anunciou que se van pór autobuses gratuítos a disposición das persoas que quixeren participar na manifestación, que partirá ás doce do mediodía da Alameda e que concluirá na praza da Quintana. Para apuntarse, os interesados poden chamar ao teléfono da Mesa (981 563 885) ou ecribir ao correo electrónico amesa@amesanl.org.

 

Callón animou toda a sociedade a participar, e asegurou que “non estamos nun momento calquera para o galego, estamos nunha encrucillada na que, ou ben pode ficar como unha lingua residual sen usos espontáneos, encamiñada á súa desaparición, ou ben podemos conseguir a súa plena recuperación e expansión a todos os ámbitos da sociedade”.

 

Neste sentido, o presidente da Mesa sinalou que “o galego está no peor momento da súa historia, mais como sociedade temos os instrumentos para recuperalo”. Callón apuntou a que existen “moi fortes presións por parte de grupos que queren que a lingua galega desapareza, detrás das cales se atopa un importante partido político”. Fronte a isto, o dirixente da asociación en defensa da lingua convidou todos os cidadáns e cidadás a que “se decaten de cal é a situación de discriminación que padecen as persoas que queren vivir na lingua propia do país” e que “defendan no seu día a día o dereito a vivir en galego, que non prexudica a ninguén”.

 

O presidente da Mesa denunciou que “o Partido Popular está alentando un discurso contra o galego, cínico, hipócrita e baseado na mentira”, e recordou que “a maior perda de falantes da historia foi durante os gobernos de Manuel Fraga”.

cig.prensa@galizacig.com