Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/4/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Ourense alerta de que máis de 500 traballadores da comarca están afectados/as por EREs

A central chama a participar na manifestación convocada o 1 de Maio ás 12:00 horas, con saída no Pavillón dos Remedios
Máis de 500 traballadores/as da provincia de Ourense víronse afectados/as por expedientes de regulación de emprego no que vai de ano, segundo deu a coñecer a CIG de Ourense, quen fixo un chamamento á cidadanía para participar na manifestación que o vindeiro Primeiro de Maio ten convocada a central comarcal ás 12:00 horas no Pavillón dos Remedios.

O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, destacou a crítica situación laboral que se está rexistrando na provincia, onde nos últimos meses “estase estragando emprego como nunca antes”. Neste senso Blanco salientou “ a perspectiva moi negativa” para o futuro próximo, pois “aínda non se tocou fondo”.

Segundo os datos manexados pola CIG-Ourense, en catro meses presentáronse na Delegación de Traballo 14 EREs, o que supón un incremento considerábel comparado cos datos de 2008, cando só se presentaran 4 expedientes de regulación. “Hai 562 traballadores e traballadoras afectados/as por ERE, cando no mesmo periodo do ano pasado só había 50”, sinala Blanco.

Para o secretario comarcal resulta aínda máis preocupante esta situación, pois está a afectar a empresas importantes do tecido industrial da provincia, como pode ser o caso de Mecanizados Rodríguez, Hispamoldes ou Eurostyle. Balnco tamén advertiu dos casos de pequenas empresas, con menos de 15 traballadores/as, que teñen pechado sen optar pola vía dos expedientes de regulación ou realizado importantes reduccións de persoal. “A actividade na comarca está mermando considerabelmente, nos dous últimos meses hai 2.656 contratos menos que no mesmo período do pasado ano”, apunta.

“A crise vai ter repercusións moi profundas na provincia, porque Ourense ten un nivel de creación de emprego e industrialización cativo, e isto vai dificultar a recuperación”. Por esta razón, dende a CIG de Ourense lanzouse unha chamada a todos os traballadores e traballadoras para que o vindeiro Primeiro de Maio acudan a manifestación convocada pola central na defensa do emprego, dos dereitos e das prestacións sociais. A marcha sairá ás 12:00 do mediodía dende o Pavillón dos Remedios.   

Datos do paro

Dende a CIG de Ourense quíxose destacar que as cifras do paro coñecidas son as máis altas dos últimos anos, acadando xa os 24.300 parados, o que supón o 12% do total de desempregados/as do País. A este respecto, Blanco reiterou que EPA non reflicte estas cifras, senón outros datos moi inferiores “que non teñen nada que ver coa situación real da provincia”. Por iso, o responsábel da CIG de Ourense demandou modificar a metodoloxía coa que se realiza o cálculo desta enquisa, co obxecto de achegar cifras máis fiábeis.

cig.prensa@galizacig.com