Antonio Niño, responsábel da CIG-Construción en Lugo, destacou que practicamente a totalidade do cadro persoal secundou a mobilización diante da Xunta en Lugo, feito valorou de xeito moi positivo como un “síntoma de unidade”. Ademais, recibiron o apoio dunha parte da corporación municipal de Guitiriz, onde está asentada a fábrica, que tamén se sumou á protesta en sinal de solidariedade cos traballadores/as.
O persoal de Ingemarga permaneceu arredor dunha hora concentrado e protagonizou un corte de tráfico na Ronda da Muralla, unha das principais vías da cidade.
Reunión coa delegada da Xunta
Niño sinalou que coa protesta queren advertir á Consellaría de Traballo “que mire este expediente con lupa” e lembrou que de facérense efectivos os 64 despedimentos do ERE a empresa volveríase inviábel.
Por este motivo, o vindeiro venres 29 de maio, os representantes dos traballadores/as manterán unha xuntanza coa delegada da Xunta el Lugo, Raquel Arias, para solicitar que rexeiten o expediente de regulación.
Novas mobilizacións
O persoal de Ingemarga ten previsto levar a cabo novas mobilizacións nos vindeiros días entre as que se atopan novos paros na empresa, unha caravana de coches de Guitiriz a Lugo ou unha manifestación.