Os traballadores e traballadoras de Los Lebreros e Los Lebreros Galicia, arredor dunhas 50 persoas, está mantendo concentracións mañá e tarde diante do Arsenal Militar de Ferrol, onde desenvolven o seu traballo nos servizos de hostelaría, mantemento e limpeza, no marco dos tres días de folga convocada na empresa. Coa protesta queren reivindicar o pago das mensualidades atrasadas, unha situación que xa se está volvendo habitual.
Los Lebreros e Los Lebreros Galicia, subcontratada polo Ministerio de Defensa, atende os servizos de cafetería, mantemento e limpeza do recinto militar e leva xa dous meses de atraso no pago das nóminas, aducindo problemas de liquidez. Segundo indicaron dende a CIG-Servizos de Ferrol a empresa foi acumulando débedas de xeito que na actualidade Facenda tenlle as contas embargadas e agora son os traballadores/as os que teñen que sufrir as consecuencias.
Dende a CIG-Servizos tamén sinalaron para o persoal adscrito a Los Lebreros Galicia (mantemento e limpeza) xa se fixo efectivo o pagamento dos atrasos salariais. Non obstante, os/as traballadores/as estudarán convocar novas mobilizacións nos vindeiros días.
Nova contrata
O vindeiro 30 de xuño remata a contrata entre o Ministerio de Defensa e a empresa concesionaria e estase agardando a posibilidade de que entre outra empresa, de xeito que se poña remate aos constantes atrasos. “O problema é que ao haber salarios pendentes de pagar temémonos que ningunha empresa se vai querer facer cargo da contrata”, apuntou Cristina Ces, da CIG-Servizos de Ferrol.
Así mesmo, informou que xa se ten solicitada unha reunión con representantes do Ministerio para tratar a problemática, aínda que polo momento, “non houbo resposta”.