A asemblea de delegados/as celebrada tras o anuncio da suspensión das negociacións acordou convocar dúas novas xornadas de folga no sector para os días 3 e 4 de xuño como resposta a falta de avances na consecución do novo convenio provincial. As centrais sindicais presentes na Mesa de Negociación, CIG, UGT e CCOO fixeron na entrega no rexistro da Xunta, na tarde do 28 de maio, da nova convocatoria de paro.
Serxio Fontanes, responsábel de negociación colectiva do Metal en Vigo, sinalou que o único que podería evitar os paros sería “que a patronal presente unha proposta axeitada nos vindeiros días” e destacou que “os traballadores/as temos que dar unha resposta firme” ante a actitude ríxida amosada pola patronal.
Suspensión temporal
Fontanes tamén explicou que os mediadores designados pola Xunta decidiron o xoves 28 de maio suspender de xeito temporal a negociación do convenio logo de que non se produciran avances e ante a falta de achegamento. “Ao non percibir visos de solucións decidiron dar un tempo de reflexión tanto ás centrais sindicais como á patronal”, indicou.
Ante o inmobilismo e a rixidez da patronal de cara a acadar un convenio digno para todo o sector, os traballadores e as traballadoras do metal da provincia de Pontevedra están chamados a secundar dúas novas xornadas de folga a través das que tentarán dar un pulo á negociación.