O anuncio foi feito en rolda de prensa este venres 28 de maio polos secretarios nacional e comarcal da Federación, Xosé Xoán Melón e Alberto Fernández, e o membro da súa executiva nacional Xulio Vicente.
As denuncias do sindicato nacionalista no que respecta ás obras do AVE céntranse no exceso de xornada laboral, nas condicións salariais moi inferiores ás pactadas en convenio colectivo e nas condicións de seguridade, tendo en conta que a lexislación vixente establece que en labores subterráneas (interior do túnel) non se poden realizar horas extraordinarias.
A raíz da labor da inspección desaparecen as quendas de 12 horas, obrigándose á UTE Acciona-FCC á realización de tres quendas de oito horas, o que na práctica supón a creación de 91 postos de traballo.
En relación coas condicións nas subcontratas desta obra, un acta da Inspección de Traballo corrobora punto por punto as denuncias da CIG sobre as irregularidades existentes. Segundo a propia resolución deste organismo, “trabállase por horas. Hora traballada, hora pagada”. “Como consecuencia de todo o antecedente, os traballadores perciben unha retribución menor á que teñen dereito por convenio colectivo”.
Tamén se constatou que os operarios de determinadas subcontratas realizaban ata 294 horas mensuais (o convenio colectivo estipula unha media de 160) sen que se lles paguen as cantidades estipuladas, o que segundo os cálculos da Federación da Construción e Madeira da CIG significa unha estafa media anual a cada traballador que ronda os 6.000 €. Sen ter en conta que os empregados destas empresas non gozan de vacacións nin xornadas festivas, ademais de que, en moitos casos, a indemnización de fin de contrato non se lles abona coa promesa de volver a contratalos en caso de que xurdan novos contratos.
Fraude ás arcas públicas
A todo isto hai que engadir o fraude á Facenda e á Seguridade Social e o sobrebeneficio empresarial que supón a ocultación e non retribución deste exceso de xornada. A CIG cualifica esta situación de “abuso intolerable que non se circunscribe ás subcontratas nesta obra, senón que se está convertendo en práctica habitual na maioría das empresas da construción, como denuncian a diario ducias de traballadores do sector, polo que seguiremos insistindo nas nosas denuncias e mobilizacións”.
Froito das solicitudes e insistencia da central nacionalista a Inspección de Traballo convocou aos seus representantes co fin de tratar sobre a situación das obras públicas que se están a realizar na cidade de Vigo e no seu contorno, e cuxas condicións laborais a CIG ten denunciado reiteradamente: Plan Municipal, Auditorio, AVE, Guixar, Eixo Atlántico, AENA ou polígono de Nigrán.
Finalmente, dende a Federación anuncian que durante o mes de xuño realizarán novas mobilizacións para seguir esixindo o cumprimento dos convenios colectivos e a racionalización das condicións de traballo.