Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Porriño denuncia irregularidades no transporte escolar

Transportan a escolares e obreiros nun vehículo particular
A CIG de Porriño vén de denunciar diante da consellaría de Educación e da Dirección Xeral de Mobilidade graves irregularidades no transporte escolar de escolares e traballadores por parte dun vehículo particular ao servizo das empresas do grupo Monbús. A CIG denuncia que nese vehículo particular, unha persoa que cobra unha pensión de xubilación ordinaria  está a realizar servizos de transporte de persoas para as empresas deste grupo.

En concreto, transporta a tres ou catro alumnos, aos que deixa dentro do recinto escolar do centro privado-subvencionado Hnos. Quiroga Rodríguez S.L, do Porriño. Os horarios deste servizo, son catro diarios, de luns a xoves, ás 9:30 horas, ás 13:00 horas, ás 15:30 horas e ás 18:00 horas. Os venres só fai dúas viaxes, de entrada e saída pola mañá.

Na empresa Smurtif, sita nas Gándaras de Atios, hai un grupo de traballadores que usa este vehículo e condutor como transporte de “obreiros” para ida e volta ao centro de traballo, inciándose o percorrido no centro da vila de O Porriño, na rúa Domingo Bueno, á altura da casa de Cultura.

Os horarios deste servizo, segundo explican, son dous diarios, alternando semanalmente pola mañá ou pola tarde, para a entrada, ás 6:15 horas e a saída ás 14:30 horas e na tarde, con entrada ás 14:15 horas e con saída ás 22:30 horas.

Implicacións de Mobús

A CIG denuncia que as implicacións de Monbús nestas irregularidades son evdentes, xa que este “xubilado” realiza tamén funcións de cobros en nome das empresas do grupo Monbús (excursións, servizos de obreiros...), liquidando nas dependencias da rúa do gandarón de Vigo cos responsábeis dese grupo patronal.

Dante da gravidade destes feitos, a CIG do Porriño ten solicitado das administracións implicadas, unha actuación contundente e exixe que se  depuren responsabilidades, “non só co perceptor dunha pensión pública”, senon tamén co Grupo Monbús e o centro escolar Hnos Quiroga, aos que considera “cómplices destas gravísimas irregularidades no transporte de escolares”.

cig.prensa@galizacig.com