Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 28/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

4.000 persoas participan da xornada de loita convocada pola CIG de Ferrol en defensa do futuro da comarca

A central sindical convocou folga de 09:00 a 15:00 horas e realizou tres marchas de traballadores/as dende distintos puntos de Narón e Fene
Unhas 4.000 persoas participaron na mañá deste xoves na manifestación convocada pola CIG de Ferrol con motivo da xornada de loita para denunciar a “situación de emerxencia” que padece a comarca, esixir políticas activas de emprego e inversións para garantir o futuro laboral e económico da bisbarra. A manifestación estivo precedida de tres marchas de traballadores/as que saíron dende distintos puntos de Narón e Fene para amosar nas rúas o malestar pola falta de cumprimento dos compromisos e reclamar unha aposta clara polos sectores básicos da comarca, como o naval.

A xornada de loita, que incluía a convocatoria de folga xeral parcial de nove da mañá a tres da tarde, comezou pouco despois das nove da mañá con tres marchas de traballadores/as que saíron dende os Polígonos de Río do Pozo e As Lagoas -en Narón- e de diante da Casa do Concello de Fene, facendo paradas en distintos puntos para ir sumando xente.

Os/as participantes nas marchas procedentes de Fene e das Lagoas atravesaron ambos concellos para confluír a altura da rotonda do Alcampo no Polígono da Gándara. Alí realizouse unha pequena asemblea para continuar o percorrido, xa de xeito conxunto, pola estrada de Castela até o Inferniño. Neste punto, xuntouse coa marcha que inicialmente partiu de Río do Pozo.

Pasadas as doce e media do mediodía, arrincaba a manifestación central da xornada, coa participación dunhas 4.000 persoas que percorreron o centro de Ferrol ao berro de “se Navantia non ten dique, a comarca vai a pique», «nin na terra nin no mar, non nos deixan traballar», “menos eurocopa e máis pan na boca”, “queremos traballar e non emigrar”, “teñen cartos para Bankia, pero non para Navantia” ou “a ti que estás mirando, tamén che están roubando”.

Valoración positiva da xornada

Os voceiros da CIG de Ferrol, Manel Grandal e Xesús A. López Pintos valoraron moi positivamente o resultado da xornada de loita e a participación tanto nas marchas dende os polígonos como na manifestación. Do mesmo xeito, agradeceron a solidariedade dos compañeiros e compañeiras da CIG das distintas comarcas que se trasladaron hoxe até Ferrol, así como o apoio recibido nas xuntanzas e asembleas realizadas pola bisbarra nos días previos. A este respecto, Grandal subliñaba que houbo cidadáns/ás que felicitaron a central nacionalista pola valentía amosada para lanzar en solitario esta convocatoria de folga.

Non obstante, ambos sindicalistas lamentaron a ausencia das centrais sindicais españolas, que preferiron non participar e denunciaron a “campaña de intoxicación” lanzada contra a convocatoria da CIG. “Xa é hora de que alguén conte a verdade: esta crise ten culpábeis, pero tamén ten cómplices, e a xente xa comeza a estar farta de ir todos xuntos, pero sen saber a quen se lle reclama nada”, aseverou Grandal.

Nesta liña, Pintos tamén lamentou que non participasen na convocatoria de folga xeral parcial CCOO e UGT “que non están pola vía de confrontamento, de mobilización, de esixir desta maneira. Están polas vías que lles impoñen dende Madrid de pacto social, de diálogo social. A CIG non quere ser un sindicato institucional, queremos ser un sindicato de clase, obreiro, de loita e nacionalista. Loitamos para que Galiza teña dereito a defender os seus sectores”.

Promesas incumpridas

Logo de recorrer o centro de Ferrol durante case unha hora, a manifestación chegaba ao seu fin na Praza de Armas, onde interviñeron Manel Grandal e o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo. Grandal apuntou que a CIG escolleu o 28 de xuño para convocar a folga parcial, xa que precisamente nesta xornada aprobáronse os Orzamentos Xerais do Estado 2012. Uns orzamentos dos que, dixo, depende a comarca de Ferrol. Ademais, hoxe tamén se aprobou definitivamente a reforma laboral “que está entrando nesta comarca cunha gran virulencia”.

A isto, continuou, hai que engadir a penosa situación que están a sufrir todos os sectores, o aproveitamento que están a tirar os empresarios desta situación e as gravísimas consecuencias dos recortes nos servizos públicos. “Iso é o que o PP está a facer nesta comarca”.

“Onde están as promesas dos distintos gobernos cos sectores desta comarca: o naval, o eólico, a biomasa, a agricultura... Pedimos ao alcalde de Ferrol que transmita ao Presidente da Xunta que non tragamos con máis mentiras; e por favor, pedímoslle que non volva falar do sector naval, porque cada vez que abre a boca é un atentado contra a intelixencia desta comarca que naceu, viviu e quere seguir vivindo do sector naval”, criticou en relación aos anuncios realizados por Feijoo sobre novos contratos.

Na intervención, Grandal denunciou o afogamento ao que se ven sometidos tamén os traballadores/as do mar, ao ver en perigo a súa actividade por mor dos elevados índices de contaminación das augas, xa que, a pesar dos compromisos, a ría continúa sen estar saneada.

O co-voceiro fixo un chamamento aos/ás manifestantes para que fagan un traballo de concienciación entre os seus compañeiros e compañeiras nos centros de traballo, de cara a que estes/as perdan o medo á saír á rúa, a mobilizarse, e a continuar na contestación social como unha vía para conseguir un cambio de políticas e avanzar cara a un novo modelo económico e social. “Isto é unha batalla ideolóxica que temos que gañar”.

Máis de 20.000 desempregados/as

O co-voceiro López Pintos tamén se manifestaba na mesma liña antes da saída da manifestación. “Hai moitos motivos para facer folga. A nosa comarca é a que peor está sufrindo a crise, porque dende hai máis de tres décadas foi privada do seu sector produtivo estratéxico, o naval”. Ao mesmo tempo denunciaba a falta de inversión pública, de alternativas económicas e o esmorecemento dos sectores primarios.

“Hai 20 anos o sector pesqueiro na nosa comarca era punteiro, pero agora mesmo pódese dicir que é de subsistencia”. Pintos acusou da situación, non só ao contexto global de crise, senón ás decisións políticas que teñen cortado o futuro da comarca; unha comarca que xa suma máis de 20.000 desempregados/as e que nos últimos cinco anos perdeu 17.000 habitantes.

Minuto de silencio pola última vítima de violencia de xénero

Á chegada da manifestación á Praza de Armas, e tras cantar a Internacional, as e os participantes gardaron un minuto de silencio en rexeitamento ao asasinato de Iria García, veciña de Narón e afiliada da CIG, que por desgraza pasou a engrosar a lista de mulleres mortas a causa da violencia machista.

Galería de imaxes da manifestación central.

Galería de imaxes das marchas a pé.

cig.prensa@galizacig.com