Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 28/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Área Pública da CIG reitera a súa oposición ao recorte de dereitos laborais imposto vía Orzamentos Xerais do Estado

Este xoves, dia 28 de xuño, está prevista a súa votación e aprobación, no Congreso dos deputados
Este xoves está prevista a aprobación dos orzamentos xerais do estado, que afondarán nos recortes de dereitos e de condicións laborais e salariais de todo o persoal que traballa para as administracións públicas. A Área Pública da CIG (Administración, Saúde e Ensino) reitera a súa oposición a estas medidas, que xa están provocando un grave deterioro dos servizos públicos e que afondarán na perda de poder adquisitivo e de calidade de vida dos empregados e empregadas do sector público.

Os orzamentos xerais do Estado recortarán os salarios do persoal do sector público, porque a chamada eufemisticamente “conxelación salarial” supón unha perda real de poder adquisitivo.

Ante isto, as federación da área pública da CIG denuncian que nos 10 anos últimos xa se produciu unha merma no poder adquisitivo das empregadas e empregados do sector público dun 22,6% (20,3% no estado), que segue a aumentar no actual 2012, xa que de xaneiro a abril temos acumulado un 2,1% de inflación (2,2% no estado).

Así se recolle na táboa elaborada a partir de datos do INE e dos orzamentos xerais do Estado desde o ano 2002 até este.

ANO

IPC GALIZA

IPC ESTADO

SUBA SALARIAL

DIF GALIZA

DIF ESTADO

2002

3,8%

3,5%

2%

-1,8%

-1,5%

2003

3,1%

3,0%

2%

-1,1%

-1%

2004

3,0%

3,0%

2,7%

-0,3%

-0,3%

2005

3,4%

3,4%

2,6%

-0,8%

-0,8%

2006

3,5%

3,5%

2%

-1,5%

-1,5%

2007

5,3%

4,9%

2%

-3,3%

-2,9%

2008

2,1%

2,1%

2%

-0,1%

-0,1%

2009

2,6%

2,1%

2%

-0,6%

-0,1%

2010

4,5%

,0%

-5%

-9,5%

-9,0%

2011

3,6%

3,1%

0%

-3,6%

-3,1%

TOTAL

34,9%

32,6%

12,3%

-22,6%

-20,3%

A Área Pública da CIG considera que tamén é de especial gravidade que se manteña a taxa de reposición do 0%, agás para o que denominan sectores básicos, Educación e Sanidade, en concreto Hospitais e Centros de Saúde, onde será dun 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal.

Na Sanidade Pública este límite do 10% na taxa de reposición traducirase nunha perda de máis de 3.000 postos de traballo até 2013 e, en consecuencia, nun recorte nas prestacións, rachando, segundo denuncia María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, con principios como a equidade do sistema e introducindo fórmulas de privatización e de co pago.

Para a CIG-Ensino esta taxa de reposición impide que haxa convocatoria pública de oposicións e evidencia o camiño marcado polo PP de destruír emprego público e empeorar o servizo.  Alén diso, Anxo Louzao alerta de que a redución orzamentaria prevista en Educación, superior ao 22%, terá como consecuencia que programas que estaba cofinanciando a administración central se vexan mermados ou mesmo que sexa imposíbel, na práctica, o seu desenvolvemento.

O secretario nacional de CIG-Ensino salienta especialmente, a redución do cadro de persoal para a escolarización de alumnado de 0 a 3 anos; a redución das partidas dirixidas a programas para frear o fracaso escolar ou as destinadas a novas tecnoloxías.

Na Administración, a aplicación dunha taxa de reposición do 0% provocará, segundo María Carme López Santamariña, secretaria nacional de CIG-Administración, “o colapso dos servizos públicos”, que serán incapaces de atender ás demandas dos usuarios por falta de persoal, co único obxectivo de “adelgazar a administración”, abocando así ao peche a certos servizos públicos que non poderán ser atendidos, para xustificar posteriormente a privatización daqueles que sexan máis rendíbeis.

Intromisión nas competencias propias

Os orzamentos xerais do Estado tamén introducen modificacións do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) para, por esta vía, impor unha xornada de 37,5 horas a todo o persoal de todas as administracións públicas.

A área pública da CIG sinala que en Galiza, xa teñen esta xornada a maioría das administracións, pero si afectará a algúns grandes concellos ou das Deputacións, que tiñan recoñecida, en convenio propio, outra xornada. En todo caso, denuncian que s etrata dunha intromisión nas competencias das comunidades autónomas e vulnera o artigo 37 do EBEP, que determina que cada administración terá potestade para fixar as condicións laborais dos seus empregados/as públicos.

Novos recortes

Estes recortes aprobados vía orzamentos poderían incrementarse, empeorando aínda máis as condicións laborais e salariais das empregadas e empregados públicos de aplicarse as medidas que veñen recomendando organismos internacionais como o FMI ou a Comisión Europea, por mor do rescate á banca. Non é descartábel que, de feito, unha vez aprobados os orzamentos se introduzan modificacións posteriores aos mesmos vía novos decretos-lei de medidas, como veñen facendo estes últimos anos. “A banca non se pode rescatar a custo dos nosos salarios e dos fondos públicos. Non somos culpábeis desta crise nin estamos dispostos a pagar o burato da banca”, advirten.

cig.prensa@galizacig.com